Lugo, 21 de outubro de 2016.- O Grupo Provincial do Partido Popular vén de rexistrar unha moción para o seu debate no vindeiro Pleno da Deputación de Lugo na que solicitan a creación dunha comisión de seguimento e control dos acordos aprobados polo pleno da Corporación Provincial.
Os populares consideran “necesario” que se constitúa esta comisión ao ter comprobado en reiteradas ocasións que “parte das mocións presentadas e aprobadas polo pleno da Corporación Provincial non son executadas polo equipo de Goberno, ou ben a súa execución se demora máis do acordado, sen que cumpran así a función que lles é propia”. A voceira popular, Elena Candia, recórdalle ao presidente da Deputación, o socialista Darío Campos, que “o cumprimento dos acordos plenarios, ademais de tratarse dunha obriga legal, supón un acto de responsabilidade e de respecto cara aos lucenses, a maior parte dos cales están representados polos Grupos Provincias da oposición”.
Candia precisa que “as mocións que os Grupos Provincias con representación na institución elevan ao Pleno son o instrumento político fundamental co que contan para formular propostas e peticións e sometelas á consideración e aprobación do Pleno e para facer efectiva as funcións de control e orientación política da oposición, cuxo exercicio garante a calidade democrática provincial”.
Unha oposición seria, un equipo de goberno irresponsable
Os populares sinalan que “dende o Grupo Provincial Popular esforzámonos para realizar unha oposición seria e construtiva elevando a debate e sometendo a aprobación propostas que resultan beneficiosas para o interese xeral de todas e todos os lucenses, pero lamentablemente o Goberno provincial incumpre de xeito recorrente parte das mocións aprobadas”. Dende o PP recordan que só na presente lexislatura, nos últimos once meses, “o noso grupo presentou un total de vinte e dúas mocións”.
Candia lamenta que gran parte dos acordos plenarios foron incumpridos polo actual equipo de goberno da Deputación e cita algúns exemplos como pode ser “a modificación do regulamento orgánico da Deputación Provincial, unha iniciativa formulada polos populares no mes de novembro de 2015; a iniciativa relativa á xestión por parte da Deputación das rutas fluviais na Ribeira Sacra, formulada polo PP no mes de marzo de 2016; a moción relativa á creación dun ente provincial de turismo, unha iniciativa formulada polo PP no mes de maio de 2016; ou a iniciativa na que se pedía a concesión de subvencións a escolas de música públicas dependentes de concellos da provincia de Lugo, formulada polos populares no mes de xullo de 2016”.
Por estas razóns dende o Grupo Provincial Popular consideran “moi necesario” crear esta comisión “co obxectivo fundamental de asegurar o cumprimento das mesmas o que redundará nun mellor funcionamento da institución e na mellora da calidade dos veciños e veciñas de toda a provincia”.
Unha comisión con representatividade e convocada mensualmente
Dende o PP propoñen que a comisión de seguimento dos acordos plenarios estea integrada, ao igual que as comisións informativas, polo presidente da Deputación, que será presidente nato da Comisión; por un vogal de cada un dos grupos políticos con representación na corporación provincial e polos deputados provinciais non adscritos, que terán cada un deles a condición de vogal individual insustituible e indelegable.
Os populares propoñen ademais que á comisión tamén poidan asistir os técnicos da Corporación e que as votacións se desenvolverán polo sistema de voto ponderado, e a ponderación se realizará a un total de 25 votos, o mesmo número que os membros da Corporación.
Por último dende o PP solicitarase que a comisión sexa convocada para a súa constitución no prazo máximo de 10 días naturais e que as reunións da mesma teñan carácter mensual fixándose como data para a súa celebración o mesmo día que se celebre Pleno ordinario ás 10:00 horas. Pedirase tamén que “se de conta trimestralmente ao Pleno da Corporación do estado de execución dos acordos plenarios aprobados”, conclúen os populares.