Partido Popular de Lugo

O Grupo Municipal do PP esixe que o alcalde “traballe” para que se dote de rede de saneamento a todo o rural de Ribadeo

Ribadeo, 6 de outubro de 2016.- O Grupo Municipal do Partido Popular de Ribadeo esixe que o alcalde, o nacionalista Fernando Suárez Barcia, “comece a traballar” para que se dote de rede de saneamento a todo o rural de Ribadeo. Así o solicitou o voceiro dos populares, Jesús López Penabad, quen lamentou o estado no que se atopan varias das parroquias da localidade que carecen deste servizo básico, feito que marca “unha clara discriminación entre o rural e o casco urbano”.

 

En concreto, López Penabad pídelle ao rexedor que “se poña en marcha, elabore un plan de saneamento cun proxecto dirixido a dar conexión a todas as vivendas á rede de alcantarillado e que, para acadalo, busque a dotación económica necesaria”.

 

O popular subliñou “que pedimos traballo xa que en dez anos non foi capaz de darlle continuidade ás obras para que todos os veciños dispoñan deste servizo”. Penabad lembrou que, con Xosé Manuel Barreiro de Conselleiro de Medio Ambiente no Goberno de Manuel Fraga, acometeuse o proxecto de construción dunha liña de saneamento pola costa, que comunicaba dende a Rochela ata a depuradora localizada en Villaselán. Neste eido, os populares lamentan que o alcalde “non estea a aproveitar este proxecto e despois de dez anos como alcalde e catro como edil de obras non fose quen de realizar as xestións que permitisen a conexión das vivendas das parroquias, como son a de Piñeira, Villaframil ou a Devesa, con esta canle de sumidoiros”.

 

“Estamos ante unha mostra clara de desidia e pasividade do alcalde ante as demandas dos veciños”, xa que a “súa única actuación nestes anos limitouse a unha pequena obra na parroquia de Rochela onde residía a tenente alcalde”, lamenta Penabad.

 

Polo tanto, dende o Grupo Municipal do Partido Popular de Ribadeo esixen que o executivo local goberne tamén “pensando no rural e atenda ás necesidades dos veciños, entre as que se atopa a de dotar ás vivendas das parroquias de conexión á rede de saneamento”.