Lugo, 4 de outubro de 2016.- O Grupo Municipal do PP de Cervantes lamenta que o equipo de Goberno da localidade non apoiase a iniciativa presentada polos populares na sesión plenaria do pasado mércores na que solicitaban ao Concello a rebaixa xeral da taxa do Imposto de Bens Inmobles (IBI) e agora pretenda “anotarse tantos” anunciando nos medios de comunicación unha redución do imposto “unicamente para as explotacións gandeiras”.
Os populares lamentan esta "mala actitude" do rexedor e aseguran que “responde a unha necesidade imperante de protagonismo por parte do alcalde”.
O Grupo Popular recordan que na moción presentada por eles no pasado pleno solicitábase, en concreto, “que a nova ordenanza ou ben contemple unha redución da carga impositiva incorporando os mínimos de gravame previstos na lei ou ben e, como moito, regule un valor inferior ao da media da provincia de Lugo”.
Dende o PP sinalan que “en base a datos obxectivos, segundo establece a Lei, o tipo mínimo regulador do ben inmoble rústico é dun 0,3%, mentres que o gravame que cobra o Concello de Cervantes é do 0,6%. Ademais, esta taxa de IBI dos bens inmobles rústicos do Concello de Cervantes é superior ao da media de toda a provincia de Lugo, que é do 0,52%”.
O Grupo Municipal do Partido Popular presentaba esta moción dado que nos últimos meses, distintos concellos, entre os que se atopa o de Cervantes, “están a verse afectados por sucesivos procesos de revisión e regularización catastral que incrementan o valor dos bens ou incorporan novos inmobles e como consecuencia, auméntase o importe final do IBI”. Deste xeito, os populares buscaban unha rebaixa da carga que este imposto supón para os veciños.
A moción dos populares ía máis aló e tamén solicitaba que a nova Ordenanza Fiscal reguladora do Imposto de Bens Inmobles incorporase “as bonificacións e beneficios fiscais dirixidos ás familias numerosas e asentamentos de poboación nos que teñan preeminencia actividades primarias de carácter agrícola, gandeiro e forestal, e que veñen establecidas na lexislación vixente”.
Dende o PP lamentan que o alcalde “non apoiase esta ambiciosa moción que beneficiaba a todos os veciños e veciñas de Cervantes, e en cambio, o rexedor prefira enganar á opinión pública facendo súa, parcialmente, a iniciativa dos populares”.