Ribadeo, 4 de outubro de 2016.- O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular de Ribadeo, Jesús López Penabad, insta ao alcalde da localidade, o nacionalista Fernando Suárez Barcia, a que ilumine e acondicione a travesía peonil entre a Avenida de Galicia, a rúa San Roque e a Avenida das Américas, en concreto, na zona do Parque dos Indianos.
O popular explica que esta travesía, que se atopa no casco histórico de Ribadeo, carece de iluminación pública ademais de presentar o seu firme un importante estado de abandono ao non estar acondicionado e ser a plataforma de terra.
Penabad asegura que o acondicionamento desta rúa, que é a antiga vía do ferrocarril, suporía un importante atallo para os viandantes ao comunicar dúas das principais rúas da localidade e desembocar no Parque dos Indianos.
Así, o voceiro dos populares no Goberno municipal subliña que “nos estamos a facer eco dunha demanda dos veciños, que non empregan esta travesía pola noite como zona de paso debido a inseguridade que lles ocasiona a falta de iluminación e máis que o treito se atopa entre muros altos de pedra”.
Dado isto, dende o Grupo Municipal do Partido Popular urxen que o rexedor nacionalista adopte medidas “na maior brevidade posible” e actúe nesta travesía “tanto no acondicionamento do seu firme como, e sobre todo, que dote de iluminación a travesía para que poda ser empregada con seguridade polos veciños”.