Partido Popular de Lugo

O PP consegue aprobar o cambio dos estatutos de Suplusa que permite desbloquear a apertura das residencias na provincia ao convertela en prestadora de servizos sociais

Lugo, 30 de setembro de 2016.- O Grupo Provincial Popular conseguiu hoxe na reunión Extraordinaria da Xunta Xeral da Sociedade Urbanística Provincial de Lugo (Suplusa) ratificar de forma definitiva as modificacións dos estatutos propostas polo PP e que xa foron aprobadas polo Consello de Administración o pasado 28 de xullo.

 

A voceira Elena Candia explicou que a Xunta Xeral celebrada esta mañá aprobou coa maioría suficiente a modificación estatutaria que iniciamos o 31 de marzo deste ano. “Por fin conseguimos ser convocados e que os estatutos se adapten á Lei de Servizos Sociais para poder xestionar as residencias o que suporá un desbloqueo desa situación. Creo que é unha boa nova para concellos como Castroverde ou A Fonsagrada que teñen unha residencia xa practicamente rematada”.

 

Explicou que o que pretende o seu partido é desbloquear esta situación e buscar unha forma de traballar máis áxil centrada no Consello de Administración e máis operativa cun único obxectivo: que a sociedade sexa útil á provincia e poder deste xeito acometer proxectos que interesan aos Concellos. “A aprobación foi moi contundente, todos os artigos que propuxemos foron aprobados como mínimo con 13 votos e algún deles, a maioría tivemos un apoio do BNG, o que vén a apuntar que efectivamente a modificación melloraba o funcionamento da administración”, destacou.

 

O PSOE, un partido sen norte

A voceira considera “sorprendente” a posición do PSOE e do presidente, que votando previamente a modificación do artigo 2 (que é o artigo que permite a xestión das residencias) no Consello de Administración vota a favor e na Xunta Xeral vota en contra. “É un exemplo máis da situación sen norte que está vivindo este partido a nivel nacional e provincial e que son capaces de un día votar unha cousa e pola tarde votar outra sendo exactamente idéntico o que se sometía a debate”, censura.

 

“Cremos que están incapacitados para tomar decisións e para gobernar. Eses malestares e faltas de sentido común están afectando ao bo funcionamento das institucións e cremos que con esta modificación estatutaria, que por moito que quixeron frear non o conseguiron porque a Lei de Sociedades Anónimas e os estatutos están para cumprirse e por moitas ditaduras que queiran aplicar ao final trunfa a norma, permitirá un funcionamento áxil e sobre todo permitirá que Suplusa sexa útil á provincia e non sexa un instrumento político ou un xoguete en función do día do presidente. Un presidente que non é precisamente coñecido polos seus acertos”, concluíu.

 

Cambios que introduce a modificación dos estatutos

Deste xeito, na nova redacción do artigo 2 dos estatutos, apoiada polo PP, o deputado non adscrito e o BNG, inclúese que “a Sociedade terá como obxecto a realización de actividade ligadas ao ámbito social sempre que se trate de prestacións, programas e servizos de carácter social, entendendo este como todas as prestacións, programas e equipos destinados a garantir a igualdade de oportunidades no acceso á calidade de vida e a participación social de toda a poboación galega”.

 

Tamén se modifican os artigos 13 e 15 referidos ao Consello de Administración para que o mesmo se adapte á proporcionalidade do pleno. Os populares propoñen, ademais, que o presidente e o vicepresidente sexan elixidos polo propio consello de administración, entre os seus membros e por maioría absoluta. Ademais outórgaselle ao presidente a potestade de “adoptar cantas medidas sexan precisas para garantir o cumprimento das obrigas legais de transparencia e bo goberno”.

 

Co fin de garantir a obxectividade e bo funcionamento da Sociedade tamén se cambia quen ostenta a competencia para nomear xerente. “Antes podía nomealo o propio presidente e agora será o propio Consello de Administración”, resume a popular.