Lugo, 27 de setembro de 2016.- O Grupo Provincial do PP favoreceu hoxe co seu voto a favor unha modificación dos Orzamentos da Deputación de Lugo para 2016 que supera os tres millóns de euros destinada a obras e servizos nos concellos da provincia.
A voceira do PP na Deputación, Elena Candia, asegura que o seu grupo segue “suplindo a acción dun Goberno en minoría, o que vai permitir que se executen obras en varios concellos da nosa provincia, independentemente da cor política, senón priorizando intervencións como o abastecemento de augas, infraestruturas viarias e incluso algunha tamén de servizos sociais”.
A voceira explicou que o seu Grupo continúa traballando por alcanzar acordos, apostando polo ben da provincia e porque continúe este funcionamento normalizado da institución, pese a tratarse dun Goberno en minoría. “É o compromiso que asumimos cos veciños e veciñas da provincia e imos continuar nesa dirección”.
A modificación aprobada grazas ao PP permite ademais a execución dos convenios de aforro enerxético e unha modificación para as axudas ás asociacións. Importes, precisou Candia, que o presidente Campos vendeu e comprometeu sen ter consignación orzamentaria para elo, o que demostra a súa actitude temeraria e irresponsable. Actitude que o PP suple, compensa e resolve con traballo e sentido de provincia”.
En concreto, faranse obras nos Concellos de Navia de Suarna, Pantón, Láncara, Begonte, Ribeira de Piquín, Cospeito, Trabada, Cervantes, Alfoz, Lourenzá, O Valadouro, Ourol, Becerreá e Ribadeo.
Nova composición das comisións informativas
Na mañá de hoxe tamén se aprobou unha nova composición das comisións informativas onde vai ter presenza cada deputado co voto ponderado, de maneira que se evitarán moitos dos debates que se estaban a dar no pleno e obrigará a buscar entendemento nas comisións informativas. “Evitaremos os enfrontamentos que non dan boa imaxe da institución e non son sas a nivel democrático”, expuxo Candia.