Sarria, 22 de setembro de 2016.- O Grupo Municipal do Partido Popular de Sarria denuncia a perda de dúas novas subvencións da Xunta que o Concello tiña solicitado e ás que decidiu renunciar. Tal e como puideron saber os populares onte mesmo a rexedora asinou a renuncia a estas achegas que veñen a sumarse a outra subvención que xa deixou perder a socialistas hai unhas semanas.
Os populares lamentan “esta sangría de diñeiro público” que se está a perder pola incapacidade da rexedora para xestionar os recursos e as axudas que achegan outras administracións. “Xa ninguén en Sarria dubida da falta de xestión e incapacidade da alcaldesa para gobernar”, inciden.
En concreto, e despois de que o Concello o solicitara e presentara as correspondentes memorias, os veciños e veciñas de Sarria perderon 28.405 euros concedidos pola Secretaría Xeral de Turismo para melloras na sinalización e implementación de información turística mediante aplicacións informáticas.
A segunda das axudas ás que a rexedora renuncia, pese a ter sido concedidas, ascende a un importe de 4.500 euros da Consellería de Medio Ambiente para facer un desenvolvemento de Sarria como cidade medioambientalmente sustentable.
60.000 euros que irán a outros concellos
A situación agrávase, explican os populares, tendo en conta que hai escasas semanas a alcaldesa perdeu 26.446 euros para melloras na accesibilidade das rúas da cidade, así como para actuacións nas beirrarúas concedidas tamén polo Goberno galego. “Se sumamos todas estas subvencións os veciños e veciñas da cidade levan perdido pola súa nefasta xestión preto de 60.000 euros de recursos públicos que irán parar a outros concellos”, lamentan.
O Grupo Municipal do PP enumera varias razóns polas que o Concello está a vivir esta situación “esperpéntica”. Dun lado, a falta de xestión no ámbito da tramitación das bases e contratación por parte da alcaldesa e da súa xunta de Goberno, “que esquece que está nun executivo en minoría”. Por outro, existe o que denominan “un problema de fondo”, que ten que ver coa falta de presupostos. “En todo este tempo non foron capaces nin de presentar un borrador para que o Concello tivera unhas contas”, precisan.