Partido Popular de Lugo

Os candidatos Encarna Amigo e Jesús Vázquez Almuíña, conselleiro de Sanidade, xunto á presidenta provincial, Elena Candia, reuníronse con preto dun cento de médicos e profesionais sanitarios da provincia

Lugo, 22 de setembro de 2016.- Preto dun cento de médicos e profesionais sanitarios da provincia participaron este xoves no acto sectorial sobre sanidade organizado polo Partido Popular de Lugo e que contou, entre outros, coa presenza da candidata Encarna Amigo, da presidenta provincial de Lugo, Elena Candia e a participación do candidato e conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña.

A Sanidade: prioridade da axenda da Xunta

No marco deste foro os populares gabaron os avances da sanidade pública lucense durante as lexislaturas de Goberno presidido por Alberto Núñez Feijóo e comprometéronse a seguir nesta mesma dirección pontenciando e mellorando os servizos existentes.

Sen lugar a dúbidas o fito máis salientable foi a apertura do hospital Lucus Augusti, un centro que “atopamos baleiro” e hoxe é todo un hospital de vangarda “con servizos cada vez mellores e máis accesibles”. Os populares lembraron que nel a Xunta leva investidos máis de 60 millóns de euros, “deles 25,8 millóns de euros só en equipamento”.

“Dispón nestes momentos dunha sala de hemodinámica que antes non tiña, e que puxo a funcionar este Goberno en xaneiro de 2014. E nos últimos 12 meses puxéronse en marcha dous novos servizos de vangarda: Radioterapia e Medicina Nuclear, polo tanto datamos a Lugo duns servizos dos que carecía co bipartito”, incidiron.

Pero non só o novo gran hospital público de Lugo gañou nestas dúas últimas lexislaturas senón tamén os que o SERGAS xestiona en Burela e Monforte. O primeiro deles en plenas obras de ampliación, sumou tamén a nova sala para tratamentos de quimioterapia e enfermos oncolóxicos e a unidade de hospitalización a domicilio, ambas en funcionamento tamén en Monforte.

Fixemos máis con menos

Durante o encontro cos profesionais, Vázquez Almuíña lembrou que “a pesar das dificultades, logramos un alto nivel na calidade do noso sistema sanitario” e gabou “isto foi tamén grazas ao esforzo e dedicación constante de todos os profesionais do sector” aos que quixo recoñecer a súa notable contribución destacada nas melloras experimentadas polo servizo público de saúde ao longo desta lexislatura.

Vázquez Almuíña rematou explicando que Lugo, como Galicia, conta hoxe con máis e mellores infraestruturas, e neste 2016, 7 de cada 10 galegos teñen un hospital público ou centro de saúde novo ou renovado.

Pola súa banda, a candidata popular e médico reumatóloga Encarna Amigo, tras agradecer os compromisos do conselleiro e amosar a súa satisfacción polo balance explicado, lembrou que en Lugo e en Galicia os índices de satisfacción coa sanidade e os investimentos novos en infraestruturas sanitarias son superiores aos do conxunto das comunidades autónomas: na época de maior crise económica, e a diferenza das demais autonomías, ampliamos ou construímos hospitais e centros de saúde por todo o territorio; e incrementamos os servizos da carteira sanitaria, engadiu.

Compromisos futuros

A doutora Amigo dixo, lonxe dos estereotipos que aseguran que só as forzas de esquerda cren na sanidade pública, tamén que os populares poden contar no seu haber con argumentos que dan conta do seu compromiso, pois cando Feijóo asumiu a Presidencia da Xunta, en Galicia gastábanse 3,4 euros de cada 10 en sanidade; actualmente son 4 de cada 10.

Xa como retos de futuro o foro de Sanidade confirmou o compromiso do Partido Popular, de manter a responsabilidade de Goberno, por dotar de novos usos ás dependencias do vello Hospital Xeral e do Hospital Materno Infantil, recuperando e renovando estas infraestruturas para os lucenses. Tamén continuarán desenvolvéndose a primeira fase das obras de ampliación do Hospital da Costa e mellorando os servizos que presta o centro que atende á comarca de Lemos.

“Na próxima lexislatura queremos continuar mellorando a sanidade pública galega. A súa calidade. As súas instalacións. Os servizos que presta a todas e todos os galegos. Queremos que Galicia teña a sanidade pública máis punteira e a mellor das atencións aos pacientes”, explicou Amigo.

Entre as novidades que o PP implantará na próxima lexislatura, de obter a confianza dos galegos, está a posta en marcha dun programa de apoio a persoas anciáns que viven soas, o programa de fomento da alimentación tradicional galega (pescado, lácteos, froitas, verduras e carnes) como modelo de alimentación saudable e sostible, o impulso do Plan galego de resistencias antimicrobianas e distintas liñas para o diagnóstico precoz do cancro, entendendo que é clave para loitar contra esta enfermidade.

Finalmente no ámbito da innovación sanitaria, os populares comprométense a crear a Rede galega de ensaios clínicos, a estabilizar aos profesionais investigadores do Sistema Público de Saúde.

Sanidade pública de vangarda

Pola súa banda, a presidenta local do PP de Lugo, Elena Candia, destacou “o compromiso de Feijóo coa provincia de Lugo a dedicación e esforzo do conselleiro, Jesús Vázquez Almuíña, pola súa contribución a facer do noso sistema sanitario un dos máis modernos de Galicia e de España”

Temos unha sanidade pública de vangarda, con máis medios e novos recursos, que promove a saúde e ofrece unha atención primaria de calidade. Unha sanidade que traballa en solucións eficientes para garantir os seus servizos a todas as persoas, con independencia dos seus recursos económicos.