Partido Popular de Lugo

O cabeza de lista do PP de Lugo ofreceu un mitin na súa cidade natal no que estivo acompañado polas tamén candidatas Raquel Arias e Julia Rodríguez e polo secretario xeral do partido na provincia, Juan Carlos Armesto

Monforte, 22 de setembro de 2016.- O cabeza de lista do Partido Popular pola provincia de Lugo ao Parlamento de Galicia, Francisco Conde, pediulle hoxe o voto aos monfortinos “para o presidente que lle deu á volta a crise e que conseguiu volver a crear emprego”. Conde ofreceu esta tarde un mitin na súa cidade natal, Monforte, no que estivo acompañado polas tamén candidatas Raquel Arias e Julia Rodríguez e polo secretario xeral do partido na provincia, Juan Carlos Armesto.

 

O cabeza de lista do PP por Lugo destacou a estabilidade que ofrece Alberto Núñez Feijóo para empezar a gobernar desde o día 26, fronte a "un grupo de partidos que non comparten nin unha visión de Galicia nin un programa, e que condenarían a Galicia ao bloqueo que se vive hoxe en Madrid, e á parálise de Santiago, de Coruña e Ferrol".

 

Neste senso, advertiu sobre os risco de votar a opcións que "só serven de axuda para que o multipartito goberne. A eses votantes, e aos moderados socialistas que non queren entregarlle Galicia ao populismo, lles pido hoxe o seu voto". Fronte a esas opcións, defendeu dicir si "ao home que capitaneou Galicia nos anos máis difíciles das últimas décadas, ao presidente que lle deu á volta a crise e que conseguiu volver a crear emprego, ao líder que nos ten traído proxectos a unha Terra de Lemos coa que podemos e queremos soñar, e ao xestor que fixo todo iso nunha situación complicada, con menos orzamento que nunca".

 

Conde chamou a dicir si "a unha Galicia que pasou de decrecer a crecer, e de destruír emprego a crealo; si a un Goberno que aprobou a maior rebaixa de impostos da historia de Galicia, grazas á que hoxe o 99% paga menos IRPF e non pagan imposto de sucesións; si a unha Galicia que é a única CCAA de toda España con impostos cero no rural, que permite pagar cero euros pola compra, permuta ou agrupación de parcelas rústicas".

 

Compromiso coa Comarca

A Comarca de Lemos, resaltou o cabeza de lista por Lugo do Partido Popular, vai dicir si "ao presidente que completou a Vía de Altas Prestacións entre Sarria e Monforte, un dos grandes investimentos da Xunta nos últimos anos en toda Galicia; ao presidente que apostou po la economía e as infraestruturas de Sober, A Pobra, Bóveda, Pantón, Quiroga e O Saviñao; ao presidente que ampliou e mellorou o abastecemento desta vila e de moitos núcleos da comarca; ao presidente que ampliou e mellorou os servizos do Hospital de Monforte, cando dicían que se ía a pechar".

 

Conde lembrou ademais a aposta de Feijóo pola economía de Monforte, Lemos e toda a Ribeira Sacra, "pensando tanto nos xóvenes, para os que activamos o centro de coworking polo que pasarán 250 emprendedores de Lemos nos dous próximos anos; como nas iniciativas empresariais e industriais, tanto no porto seco como en Reboredo". Neste senso, adiantou que "demandaremos ao Ministerio a mellora dos accesos ao polígono de Reboredo", reforzando a competitividade do parque empresarial.

 

Conde resaltou o compromiso do Goberno galego co recoñecemento Camiño de Inverno, que suporá novos empregos turísticos para o Val de Lemos, e para toda a Ribeira Sacra; e comprometeu "traballo a reo" para que a Ribeira Sacra acade a condición de Patrimonio da Humanidade.

 

Por último, chamou a apoiar a un Goberno "que se dedique a resolver necesidades e non a crear problemas, bloqueos, liortas e ata referéndums", e resaltou que "este partido se gana ese día e está moi igualado, ¡hai que saír a votar si ou si!".