Partido Popular de Lugo

A presidenta provincial, Elena Candia e o candidato e coordinador comarcal da Mariña, José Manuel Balseiro, deron un mitin hoxe na Pontenova xunto ao conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña

A Pontenova, 22 de setembro de 2016.- A caravana dos populares lucenses fixo hoxe parada na Pontenova nun mitin no que participou a presidenta provincial do PP, Elena Candia e o candidato e coordinador comarcal da Mariña, José Manuel Balseiro, que estiveron acompañados do ao conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña.

 

Nesta cita os populares salientaron os avances e melloras levadas a cabo durante o goberno de Núñez Feijóo na comarca e apuntaron que “co PP a provincia de Lugo ten máis servizos sanitarios e de maior calidade ca nunca”.

 

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, recordou que as obras de ampliación do Hospital da Costa supoñen un gran avance para a comarca neste ámbito. “O Servizo Galego de Saúde deseñou un novo Hospital da Costa, moderno, accesible, cunhas circulacións internas e externas máis axeitadas que as actuais, luminoso, aproveitando o magnífico entorno un Hospital ampliado e reformado, máis resolutivo e eficiente”, dixeron.

 

Os populares indicaron que ampliación permitirá contar con 6.000 m² máis de superficie construída sobre os 17.600 m² existentes, para o que se construirá un novo pavillón en forma de “L” con catro plantas na parte máis longa e dúas na parte máis curta, unha actuación que se retomará nos vindeiros días tras o remate das obras previas. “Isto significa que os traballos suporán un incremento dun 30% da superficie actual do centro”.

 

Así mesmo, lembraron que as reformas se levarán a cabo de forma compatible co funcionamento de todas as áreas actuais, así como garantindo a integración estética da nova construción co edificio xa existente.

 

Mellora substancial na atención sanitaria da zona

“Os traballos suporán, polo tanto, melloras substanciais na atención sanitaria desta zona”, sinalaron os populares e precisaron que “na área de hospitalización duplicarase, practicamente, o espazo (de 2.800 metros cadrados actuais a máis de 4.500; na área de consultas externas construirase unha zona ambulatoria que deixará espazo libre para futuras actuacións no centro; na área ambulatoria estableceranse novos gabinetes de exploración e unha nova sala de cirurxía menor e crearase un hospital de día médico para complementar o cirúrxico e o de diálise”.

 

O total de inversión prevista é de 13,9 millóns de euros, dos que algo máis de 1 millón están a executarse neste 2016.

 

Melloras en toda a provincia

Dende o PP tamén recordaron outras melloras no ámbito da Sanidade na provincia. “O Hospital Universitario Lucus Augusti sumou ás instalacións de vangarda e a un equipo de profesionais de primeira novas prestacións que xa son unha realidade como é o caso da Hemodinámica e o Radioterapia”.

 

“Investíronse tamén 400.000 euros en ampliacións e melloras no hospital Comarcal de Monforte de Lemos. E dende o 2009 construíronse na provincia os Centros de Saúde de Carballedo, Sarria ou Monterroso”. “Ademais reformáronse ou vanse a reformar neste ano os Centros de Abadín, Quiroga, Cospeito, Triacastela, Xermade, Ribeira de Piquín, Meira ou Outeiro de Rei ao longo de toda a provincia e, en concreto na mariña lucense os de Burela, Mondoñedo, Ribadeo e A Pontenova”.

 

“Con estas actuacións reafírmase o compromiso do PP coa Sanidade, por máis que lles pese ao resto de grupos políticos, e estamos seguros que os galegos e galegas o terán en conta á hora de ir as urnas o vindeiro domingo dia 25”. “O PP aposta pola Sanidade pública e de calidade e iso demóstrase coa ampliación dos servizos sanitarios en todas as provincias galegas”, explicaron.

 

Xa en clave máis política os populares dixeron que “hai que votarlle ao PPdeG porque na nosa comunidade queremos un goberno que funcione desde o primeiro minuto despois das eleccións, catro anos de estabilidade e avance sen bloqueos, vetos e parálises. Hai que votarlle ao PP se o que queremos é unidade, responsabilidade e unha política exercida desde o respecto e a moderación e que aposta pola Sanidade”, concluíron.