Vilalba, 19 de setembro de 2016.- O Partido Popular de Lugo sitúa o fomento dos aproveitamentos forestais como “unha prioridade e unha gran oportunidade para a provincia”. Así o puxeron de manifesto tanto a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, como a presidenta dos populares provinciais, Elena Candia, esta mañá durante un foro celebrado en Vilalba. Ao encontro, no que tamén participaron outros candidatos, entre eles Miguel Cela, asistiron máis de 150 profesionais do sector forestal e membros de comunidades de montes, entre outros.
A conselleira do Medio Rural e candidata popular manifestou que “unha das nosas intencións de futuro é seguir apostando polo ámbito forestal”. Nesta liña de traballo, Ángeles Vázquez estableceu como “eixo principal a reestruturación das terras, e a partir de aí seguir avanzando no eido da formación e da investigación, cunha finalidade clara, a de darlle máis valor ao territorio como única maneira de evitar o despoboamento do rural”.
Ademais de implicar unha mellora ambiental, esta aposta dos populares por un monte máis produtivo é sustentable permitirá, segundo matizou a responsable da Xunta, “obter maior rendibilidade económica e fixar poboación no rural. Estamos apostando por unha importante fonte creadora de emprego e, polo tanto, fixadora da poboación nas nosas aldeas”.
Propostas
Despois de escoitar e responder ás distintas propostas e preguntas formuladas polos asistentes ao foro, os populares tamén presentaron as iniciativas incluídas no programa electoral en materia de ordenación e produción forestal e intercambiaron, ao respecto, distintas suxestións e consultas.
Dun xeito máis concreto, os populares expuxeron a necesidade de incrementar os esforzos para conseguir melloras substanciais na produción de madeira tanto dun xeito cuantitativo como cualitativo, mellorando, por exemplo, a calidade xenética do material de reprodución e acadando unha ordenación da oferta.
Dende o Partido Popular tamén sitúan na primeira liña das súas prioridades a de promover a figura do monte veciñal e as súas capacidades de xestión sustentable, fomentando a realización de deslindes e avinzas.
De igual xeito, para os populares os “traballos en prevención de lumes” centran a súa acción e precisan que o monte lucense é un exemplo de éxito en materia de prevención e extinción de incendios forestais, especialmente no catálogo de boas prácticas, que fan de espazos como A Mariña Lucense, a comarca con menor número de lumes en Galicia
Neste eido de prevención dos incendios forestais, os populares comprométense a mellorar a estrutura do servizo no referente a recursos propios, potenciando a estrutura de persoal, continuando coa liña de mellora de recursos materiais e reforzando a formación. Ademais, inclúen a revisión dos plans preventivos de distrito, engadindo liñas especificas para as parroquias de alta actividade incendiaria; a potenciación dos plans municipais preventivos e a promoción do voluntariado ambiental en materia de prevención de incendios.
Por último, os populares tamén seguirán a avanzar noutras iniciativas dirixidas a facilitar e simplificar os trámites administrativos.
Balance
En relación co traballo desenvolvido polo Goberno de Alberto Núñez Feijóo, os populares tamén resumen que nestes últimos anos cubríronse importantes obxectivos respecto da normativa que estrutura o sector forestal de Galicia. A Lei de Montes e os decretos de aproveitamentos forestais, de ordenación forestal, de regulación das agrupacións de propietarios forestais, e o que regula os investimentos nos montes veciñais en man común, xunto coa revisión do Plan Forestal de Galicia, actualmente en proceso, significaron un importante avance.