Partido Popular de Lugo

O cabeza de lista do PPdeLugo, Francisco Conde e a presidenta provincial, Elena Candia, acompañaron a Alberto Núñez Feijóo nos mitins de Carballedo e Vilalba

Lugo, 19 de setembro de 2016.- A caravana dos populares lucenses tivo hoxe catro citas relevantes: á primeira hora da mañá co foro forestal organizado en Vilalba e no que participou a Conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez; despois a provincia recibiu a visita do aspirante á reelección e actual presidente a Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que interveu nun xantar mitin en Carballedo e nun mitin en Vilalba, para rematar co mitin que ofreceu o cabeza de lista, Francisco Conde, en Monterroso, xunto co portavoz do Grupo Popular no Senado, José Manuel Barreiro.

 

En todas as citas os populares insistiron en facer un chamamento á participación "para que Galicia sexa a excepción positiva que quere unha grande maioría".

 

“Hai que votar ao PPdeG porque na nosa comunidade queremos un goberno que funcione desde o primeiro minuto despois das eleccións, catro anos de estabilidade e avance sen bloqueos, vetos e parálises. Hai que votarlle ao PP se o que queremos é unidade, responsabilidade e unha política exercida desde o respecto e a moderación”, engadiron.

 

 

Todos os votos son necesarios

Tamén alertaron que, respectando o que están a dicir os sondeos, non hai que confiarse posto que aínda non hai un só voto nas urnas e todos os votos son necesarios porque serán decisivos, polo que non se pode dar nada por gañado porque non o está.

 

Desde o PPdeG defenderon que fronte á opción que eles encabezan, na oposición “só atopamos a un compendio de partidos nos que o PSdeG está entregado ás Mareas, os nacionalistas entregándose a quen precise con tal de non desaparecer e con Ciudadanos sen nada que aportarlle aos galegos”.

 

Chamamento á acción e a participación

De igual modo, os populares insistiron no chamamento á acción e participación e dixeron que “non basta con dicir que hai que combater o desemprego, senón que hai que demostralo xerando actividade económica e confianza para que invistan aquí. Tampouco chega con dicir que se apoia aos autónomos, senón que hai que aportar medidas que fagan de Galicia o lugar no que máis aposta por eles. Non basta con dicir que se defende a Sanidade pública, posto que hai que facelo mellorando as condicións, ou porque non abonda con dicir que se apoia ás familias, xa que hai que demostralo desde os máis cativos aos maiores”, explicaron.