Partido Popular de Lugo

O cabeza de lista do PP na provincia de Lugo, acompañado pola candidata Susana López Abella e a presidenta do partido, Elena Candia, participaron esta mañá un acto sobre emprendemento feminino na cidade da muralla

Lugo, 17 de setembro de 2016.- Francisco Conde asegurou hoxe en Lugo que a Xunta está do lado dos emprendedores eliminando barreiras e garantindo unhas regras que permitan competir e cooperar, así como creando un clima competitivo que os impulse a mellorar a eficacia, a innovación, e os procesos. O cabeza de lista do PP na provincia avogou ademais polo impulso á creatividade e a imaxinación, de modo que ningunha boa idea empresarial quede sen apoio por falta de financiamento.

Francisco Conde e a candidata Susana López Abella, acompañados pola presidenta do partido en Lugo, Elena Candia, participaron esta mañá nun acto sobre o emprendemento feminino en Lugo.

 

Entre as medidas adoptadas pola Xunta, o candidato do PP por Lugo referiuse á aprobación hai preto de tres anos da Lei de emprendemento. Unha norma que suprimiu as licenzas municipais de obra e actividade para a apertura dun novo negocio, sentou as bases para a creación das Entidades de Certificación de Conformidade Municipal (ECCOM), que facilitan as tramitacións a levar a cabo ante a administración.

 

A maiores, explicou Conde, puxemos en marcha unha rede de aceleradoras de emprendemento e innovación para captar e canalizar o talento: Vía Galicia, xunto á Zona Franca; e Agrobiotech; con sede na cidade de Lugo, así como os espazos de coworking que estamos a poñer en marcha xunto á EOI, con sedes en Modoñedo e Monforte que abrirán este mesmo mes.

 

A aposta polo emprendemento na provincia concrétase en 2.700 empresas apoiadas, o 99% delas pemes. E imos a máis, sumando este ano un investimento de 40 millóns de euros para apoiar as políticas activas de emprego, con máis de 24 millóns e euros a prol do fomento do emprego autónomo.

 

A isto hai que sumar as axudas e os instrumentos financeiros do Igape, que inclúen instrumentos específicos para autónomos e microempresas.

 

Medidas específicas para mulleres

As mulleres emprendedoras están a facer un uso importante de todos eses servizos. Desde a Unidade Galicia Emprende constatamos, por exemplo que o emprendemento feminino medra de xeito constante: máis do 42% das persoas atendidas, apoiadas e asesoradas pola UGE, desde a súa creación en 2014, foron mulleres.

 

De feito, segundo o último estudo GEM, a taxa de emprendemento feminino medrou en Galicia nos últimos anos, e en 2014 obsérvase a menor distancia coa taxa de emprendemento masculino desde que se elabora o informe.

 

Ademais, na fase que se centra nos emprendedores potenciais, o último informe GEM revela que a taxa das mulleres xa supera a dos homes.

 

Entre as accións levadas a cabo polo Goberno galego Conde subliñou a posta en marcha da Axenda 20 para o Emprego que contén entre as súas medidas a posta en marcha dun Plan de emprego en igualdade para apoiar ás mulleres na consecución do espazo que lles corresponde dentro do mercado laboral. Búscase favorecer tanto a súa inserción por conta allea como facilitando a iniciativa autónoma e emprendedora cando sexa esta a vía seleccionada para traballar. Equilibrar a súa participación en todos os sectores de actividade coa dos homes e fomentar o desenvolvemento da súa carreira profesional e procurar os medios posibles para evitar situacións nas que deban escoller entre a súa vida persoal e profesional.