O Incio, 16 de setembro de 2016.- O cabeza de lista do Partido Popular de Lugo ao Parlamento galego, Francisco Conde, puxo de manifesto esta mañá “o compromiso do PP cos proxectos empresariais que xeren emprego e riqueza na provincia”. Conde falou dun compromiso “firme coa iniciativa privada. Seguiremos axudando ás empresas con dificultades, á pequena e mediana empresa e fundamentalmente aos autónomos, que terán o mellor mapa de axudas para desenvolver a súa actividade de toda España”. Así, asegurou que “unha aposta polos autónomos, polas pemes, significa unha aposta polo noso tecido produtivo e pola creación de emprego de calidade”.
Francisco Conde asegura que o sector empresarial fixo un “gran esforzo para defender cada posto de traballo, para modernizarse, para seguir traballando con innovación e con calidade e para responder a situacións de dificultade e de maior competencia nos mercados”. Así, en Galicia estanse a crear 14 empresas diarias e as exportacións galegas medran máis do dobre que no conxunto de España, un 6,4 fronte ao 2,4 estatal.
Conde, acompañado doutros candidatos populares, recorreu esta mañá as instalacións de Magnesitas de Rubián, situada en Vila de Mouros (O Incio) onde se explota desde 1963 un xacemento de magnesita caústica dos maiores de Europa, e que ten unha forte compoñente exportadora, ao producir un mineral que atopa unha “moi boa saída no mercado europeo”.
Conde destacou na súa visita a aposta pola eficiencia enerxética e polo I+D, así como a colaboración con centros de coñecemento como o Laboratorio de Sanidade Animal ou o Laboratorio de Mouriscade.
A compañía é un modelo en aspectos como a integración ambiental e a integración social, e é unha empresa tecnoloxicamente avanzada, cunha mina subterránea exemplar en seguridade e mecanización.
“O tecido produtivo é cada vez máis forte, respondendo aos novos retos. O sector aeronáutico, o sector do aluminio, da biomasa, da biotecnoloxía, o agroalimentario, o forestal, o lácteo, conforman un mapa moi rico, moi diversificado, que está xerando emprego e mostra diso son as empresas que visitamos hoxe”.
Pola tarde, os populares visitarán outras dúas compañías que deixan de manifesto que apostar pola calidade e pola innovación xera en Lugo e en Galicia crecemento económico e axuda a ser máis competitivos: en Riotorto, Mobles Vidal S.L. e en Alfoz Carrocerías Hermanos Rega.
Carrocerías Hermanos Rega iniciou en 1957 a súa traxectoria sendo un pequeno taller de produtos de madeira para a construción e co paso dos anos converteuse nun referente das carrocerías para vehículos industriais.
Mobles Vidal comezou o seu labor en 1953 cunhas instalacións ao carón da súa casa e co tempo modernizaron súa maquinaria tecnoloxicamente, logrando ampliar os seus mercados a outras comunidades autónomas.