Partido Popular de Lugo

O cabeza de lista do PP de Lugo ofreceu esta tarde un mitin no Colexio Menéndez Pelayo da cidade das murallas acompañado dos candidatos Encarna Amigo e Jaime Castñeira

Lugo, 16 de setembro de 2016.- O cabeza de lista do PP de Lugo, Francisco Conde, acompañado dos candidatos Encarna Amigo e Jaime Castiñeira, ofreceu esta tarde un mitin no colexio Menéndez Pelayo de Lugo. Na súa intervención, lembrou que, “mentres a oposición queda na comodidade da simple crítica a todo, nós puxemos todo da nosa parte para sobrepasar as dificultades.

 

“Hoxe temos un Goberno que aprobou a maior rebaixa de impostos da historia de Galicia, grazas á que hoxe o 99% paga menos IRPF e non pagan imposto de sucesións; unha terra na que as familias galegas que teñen un fillo reciben unha Tarxeta Benvida de 100 euros ao mes para os gastos de manutención do bebé; unha comunidade coas taxas universitarias máis baixas de España, que levan conxeladas cinco cursos e aforran as familias 400 euros ao ano”, engadiu Conde.

 

En Lugo falamos facendo

Francisco Conde incidiu en que en Lugo “falamos facendo: atopamos un hospital baleiro e hoxe Lugo conta cun hospital de vangarda con servizos cada vez mellores e máis accesibles, tras investir máis de 60 millóns de euros; puxemos en servizo a totalidade do corredor Sarria–Monforte. E tivemos un compromiso claro co urbanismo lucense: continuamos coa rehabilitación da Tinería; e co remate do auditorio de Lugo, demos cumprimento ao compromiso asumido coa cidade. Ademais, apostamos por facer de Lugo un referente na industria e da innovación e, por iso, puxemos en marcha o polo aeronáutico de Rozas, que aspira a converterse en referencia mundial do sector dos avións non tripulados cun investimento inicial de 150 millóns de euros”.

 

O candidato do PP por Lugo subliñou que o seu partido asumiu o compromiso da nova intermodal de Lugo ao tempo que afonda na habilitación de máis centros educativos como centros plurilingües e continúa mellorando as infraestruturas, como o remate da mellora do CIFP AS Mercedes; a ampliación do CEIP As Mercedes, a rehabilitación do CEIP Rosalía de Castro ou o novo CEIP Sagrado Corazón, que se iniciará en 2017. O PP, sinalou, porá a disposición dos lucenses unha nova residencia de maiores de 80 prazas, e unha nova escola infantil de 82 prazas a través da colaboración coa Fundación Amancio Ortega, que será xestionada pola Xunta.

 

“O noso compromiso con Lugo non remata aí, senón que temos moitas máis propostas que van a beneficiar a moitos lucenses”, apuntou. Así, referiuse á estratexia para os autónomos, coa que se ampliará a tarifa plana de 50 euros ata os 12 meses para as menores rendas. “Reforzaremos a formación co apoio dos técnicos de emprego; imos a poñer en marcha un Bono Autónomo, que estará cargado con 2.000 euros e que se poderá dedicar a aquelas actuacións estratéxicas que melloren a posición do autónomo no mercado; concederemos unha axuda para que os traballadores autónomos poidan flexibilizar a xornada laboral 16 semanas adicionais tras a baixa por maternidade ou paternidade; e queremos garantir o relevo xeracional e imos a abrir a todos os autónomos o Programa de relevo xeracional que temos en marcha para o comercio desde o 2014”, concluíu.