-
A campaña do PP seguiu pola tarde cun mitin en Burela no que participou a conselleira do Mar, Rosa Quintana
Lugo, 15 de setembro de 2016.- Os populares de Lugo celebraron esta tarde un foro sobre educación no que valoraron o esforzo nesta materia feito polo Goberno de Núñez Feijóo. Ao mesmo asistiron a presidenta provincial, Elena Candia e o candidato Javier Vázquez. Estiveron acompañados ademais polo conselleiro de Educación, Román Rodríguez.
Os populares fixeron un repaso do traballo realizado no eido da educación dende que o PP chegou á Xunta en 2009. Un traballo que, segundo destacaron, ten dado os seus froitos”. No foro participaron máis de 150 persoas.
Así, explicaron que a conxelación das taxas universitarias foi unha constante nos últimos cinco anos, algo que converteu a Galicia na comunidade coa universidade máis accesible. De feito, hai comunidades que case triplican os prezos das matrículas en comparación coas taxas galegas.
Ademais, a aposta tamén se estendeu ao ámbito da formación profesional, cuxo aumento de estudantes medrou de maneira significativa nos últimos anos.
Cómpre sinalar tamén que se mantivo o número de profesores independentemente que baixara o número de alumnos para garantir igualmente a calidade da educación. Así, a comunidade conseguiu reducir un 34% o taxa de abandono escolar, que pasou dun 25,8% en 2009 a un 17 en 2015.
Así mesmo, o último informe PISA amosa que, no tocante á calidade, os estudantes galegos están por riba da media española.
A todo isto hai que sumar o apoio que desde o Goberno galego se deu aos estudantes a ás súas familias a través das becas, das axudas aos libros de texto, do abono de material escolar, do número de novas prazas e do aumento de centros que están en construción, ampliación ou remodelación grazas á aposta pola mellora das infraestruturas educativas.
Medidas concretas
En concreto, déronselle máis facilidades ás familias. Así, nove de cada dez familias non pagan nada ou só un euro polo comedor escolar. O Goberno galego lidera o transporte escolar gratuíto, no que viaxan 93.000 nenos e nenas. En Galicia hai un mestre por cada 10,5 alumnos, a mellor ratio de España, mentres que o 91% dos alumnos con necesidades educativas especiais están escolarizados co resto de nenos e nenas.
En canto ás universidades, conxeláronse as taxas por quinto ano consecutivo e seguen a ser as máis baratas de España. Habilitáronse axudas para que mozos e mozas desempregados poidan iniciar un máster e hai bolsas da Xunta para os estudantes que non cumpran os criterios das bolsas do Ministerio. Destínase un 18% máis de recursos para as universidades no período 2014-2020. Ademais, máis de 2.500 científicos realizan investigación en Galicia grazas ao apoio da Xunta.
Xa pola tarde, o candidato e coordinador comarcal da Mariña, José Manuel Balseiro, a presidenta provincial, Elena Candia, acompañados da Conselleira do Mar, Rosa Quintana, ofreceron un mitin en Burela.