Partido Popular de Lugo

O coordinador do programa electoral do PP e portavoz parlamentario mantivo un encontro con empresarios, autónomos e emprendedores de Chantada para coñecer as preocupacións e retos que moven a este colectivo na zona

  • Puy definiuno como un foro “moi satisfactorio, franco e aberto” no que o PP tamén trasladou as súas propostas dirixidas, entre outros fins, á mellora da calidade do emprego, dos incentivos de pago da seguridade social ou da implantación das novas tecnoloxías

 

  • No encontro tamén participou a presidenta do Partido Popular de Lugo, Elena Candia, o secretario xeral, Carlos Armesto, e os candidatos lucenses ao Parlamento galego, José Manuel Balseiro, Susana López Abella e Raquel Arias

 

Chantada, 14 de setembro de 2016.- O coordinador do programa electoral do Partido Popular de cara aos comidos do 25 de setembro e portavoz parlamentario, Pedro Puy, mantivo esta mañá un encontro con empresarios, autónomos e emprendedores de Chantada que lle serviu para coñecer, dun xeito máis concreto, as preocupacións e retos que moven a este colectivo na zona. Puy explica que as “peticións sobre as que nos fixeron máis énfase e nas que poñeremos especial atención a hora de desenvolver o noso programa” son a potenciación do sector lácteo e vitivinícola e o impulso de infraestruturas como é o enlace da autovía que comunicará Lugo con Ourense.

 

O popular definiu este encontro de “moi satisfactorio ao permitirnos falar con empresarios da comarca” ao tempo que tamén cualificou o foro de “moi franco e moi aberto” no que, ademais das ideas de potenciar o sector do leite, do viño e a mellora das estradas, “tamén nos trasladaron a súas preocupacións ou dúbidas sobre o emprego e sobre a contratación de traballadores nas industrias locais”.

 

Durante o foro, os populares tamén explicaron as súas propostas en materia laboral e relativas á xeración de emprego. Dende o Partido Popular destacaron medidas, como o acompañamento aos empresarios cos avais do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), así como o impulso a accións de mellora no ámbito da innovación e da introdución de novas tecnoloxías.

Ademais, entre as medidas citadas polos populares atópanse a aprobación de complementos autonómicos ás contribucións rebaixadas da Seguridade Social e que xa ten o Estado; así como outros incentivos que permitan a extensión das axudas do Goberno central, mellorándoas na comunidade autónoma. O impulso do emprego de calidade mediante accións dirixidas a conversión de contratos laborais temporais en fixos é outras das iniciativas que explicou Puy durante o foro.

 

Por último, o portavoz parlamentario tamén trasladou o compromiso do seu partido de traballar centrado no eido da mellora e do impulso das infraestruturas viarias, conscientes de que estas implican unha inversión “necesaria” para a vertebración do territorio, o que permitirá igualar oportunidades entre distintas comarcas e, con elo, acadarase un efecto multiplicador que permitirá dinamizar a actividade económica e o emprego.

 

No foro celebrado en Chantada con empresarios, autónomos e emprendedores tamén participaron a presidenta do PP provincial, Elena Candia, o secretario xeral, Carlos Armesto, e os candidatos ao Parlamento Galego, José Manuel Balseiro, Susana López Abella e Raquel Arias.