-
Advirten do bloqueo que suporía ter un goberno formado polos partidos da oposición que non teñen proxecto individual nin en conxunto
Guitiriz, 14 de setembro de 2016.- Os populares de Lugo mantiveron hoxe varios mitins na provincia nos que abundaron no Programa Galicia 0-35, unha iniciativa que quere dar respostas útiles á xeración do Estatuto. Entre as medidas que inclúe este programa figuran chegar ao 40 por cento de ratio de cobertura das escolas infantís públicas, continuar coa tarxeta Benvida e ampliala ata os tres anos da vida do bebé en caso de risco de pobreza ou exclusión e o programa ‘A miña primeira experiencia laboral’, unha bolsa de emprego para os mozos que veñan de rematar unha carreira universitaria ou un ciclo de FP.
Desta forma, o PP ofrece ao país un pacto interxeracional, que respecte os valores que sempre nos uniron e para que Galicia siga sendo con máis intensidade o mellor lugar para formar unha familia. A presidenta provincial, Elena Candia, e o cabeza de lista na provincia, Francisco Conde, ofreceron mitins en Guitiriz, onde estiveron acompañados por Alberto Núñez Feijóo, Rábade e A Pastoriza.
“Temos que ser o partido que máis se parece ás familias galegas: entendemos os seus valores compartidos, as preocupacións dos de mediana idade e os desexos dos máis novos”, explicaron.
Todos contra Feijóo
Tras a celebración do debate entre os diferentes candidatos, o PP cre que só os populares poden falar do que farán ao día seguinte das eleccións, mentres que a oposición evita falar de pactos porque repetirían en Galicia o bloqueo que vive España.
“Podemos garantir unha Galicia sen divisións, con pluralidade e na que todos se sintan libres para sentila, falala e vivila ao seu xeito, con independencia da súa ideoloxía e pensamento”, explicou Feijóo en Guitiriz.
Así, malia que na oposición atopamos máis partidos e máis candidatos, representan a menos galegas e galegos, ademais de que están divididos porque non teñen un proxecto en común.
Feijóo e os feitos que o avalan
Os que o acompañaron na palabra explicaron que os outros partidos non queren falar de pactos porque só teñen en común presentarse contra Feijóo e o resultado da súa suma sería un bloqueo e unha parálise como a de España.
Deste modo, mentres eles teñen que falar do candidato popular, este si pode falar de feitos que o avalan, porque só se debe a Galicia e porque só se deberá aos galegos.
“O feito de que os partidos da oposición pidan agora máis debates reflicte que non quedaron satisfeitos co celebrado o pasado luns. Tratouse dun catro contra un que non aproveitaron e agora buscan unha nova oportunidade para volver atacar entre catro ao presidente”, engaden.