Partido Popular de Lugo

No foro con empresarios, autónomos e emprendedores celebrado en Vilalba, o candidato popular tamén resaltou a vocación que move ao PP de apostar por “novas ideas emprendedoras, xa que Galicia é o espazo ideal para investir”

  • Fixo fincapé no apoio ao proxecto de asentamento dun planta de procesamento do leite en Curtis, no programa de impostos cero no rural e na oficina dirixida a eliminar as trabas burocráticas coas que se atopan os profesionais

 

  • No foro tamén participou a presidenta dos populares provinciais, Elena Candia, quen dixo que “só o PP garante un Goberno que ofrece confianza, estabilidade e que cre na iniciativa privada”

 

Vilalba, 13 de setembro de 2016.- O cabeza de lista do Partido Popular de Lugo ao Parlamento galego, Francisco Conde, reafirmouse esta mañá en Vilalba, ante empresarios, autónomos e comerciantes chairegos, no seu compromiso de continuar a traballar para “fortalecer os ámbitos de maior potencial na Terra Chá: o lácteo, o forestal e o agro-alimentario”.

 

Acompañado da presidenta provincial dos populares lucenses, Elena Candia; Conde mantivo un encontro con empresarios da Terra Chá, durante o que tamén resaltou a vocación que move ao Partido Popular de consolidar unha “administración galega, na que non estorben nin o investimento, nin as ideas”.

 

Os populares apostan por iniciativas que promovan o emprendemento entre os mozos no rural xa que “Galicia é un espazo ideal para investir”, facendo un especial fincapé no potencial que a industria láctea, a forestal e a agro-alimentaria teñen nos concellos da comarca.

 

Para favorecer a estes profesionais, os populares seguirán traballando na simplificación dos trámites e en eliminar as trabas que, desde o punto de vista burocrático, atopan os traballadores no exercicio da súa actividade. Con este obxecto, Conde lembrou que o Goberno galego puxo en marcha a Oficina Doing Business, na que os profesionais poden alertar dos obstáculos que atopen e suxerir cambios nos procedementos e na lexislación.

 

No relativo a novos proxectos, Francisco Conde referiuse á nova sobre o asentamento en Curtis dunha planta de procesamento de leite e asegurou que “apoiamos un proxecto estratéxico para o lácteo con capacidade para transformar 400.000 toneladas de leite cada ano” e que, engadiu, se “converte nunha garantía de futuro para o sector, nunha boa noticia para Galicia, para acadar unha industria de transformación forte e clave que permitirá a revalorización do noso leite”.

Do mesmo xeito e como mostra dun novo compromiso co rural, o popular tamén puxo en valor o programa de impostos cero no rural posto en marcha polo Goberno de Feijóo e que permite, especificou, que “ningunha transmisión de terreos en solo rústico pagará imposto de transmisións patrimoniais, e tamén deixará de tributar a transmisión ou ampliación de explotacións agrarias".

 

Pola súa banda, a presidenta dos populares lucenses, Elena Candia, analizou a situación que están a atravesar os principais sectores da comarca e trasladou o compromiso do seu partido xa que “só o PP garante un goberno que ofrece confianza, estabilidade e que cre na iniciativa privada”.