NOVO RETO: TURISMO INTERNACIONAL E DESESTACIONALIZADO
Pola súa banda Nava Castro dixo que a declaración como Patrimonio Mundial dos Camiños do Norte suporá un antes e despois desde o punto de vista turístico, xa que permitirá multiplicar o número de visitantes internacionais grazas a este novo reclamo e á incorporación deste destino en moitas das ofertas que realizan os turoperadores en todo o mundo.
Nava Castro dixo tamén que a intención do Partido Popular, de manterse na responsabilidade de goberno da Xunta, é seguir colaborando cos concellos, a Mancomunidade e as distintas administracións para, xunto tamén co sector e a propia iniciativa privada, continuar creando produtos turísticos que permitan a desestacionalización dos que visita A Mariña, para que coñezan esta zona e repitan e, sobre todo, aproveitando eses grandes recursos que están dispoñibles todo o ano como son a praia das Catedrais, o Camiño do Santiago ou a nosa gastronomía que é outro dos motivos fundamentais polos que o turista nos elixe como destino.
E pensando de cara ao futuro avanzou a necesidade de impulsar un maior recoñecemento da riqueza xeolóxica, paisaxística e ambiental da Mariña, aspecto sobre o que xa se teñen realizado algunhas experiencias con resultados moi positivos, e fomentar novas iniciativas para gañar en turismo nos concellos do interior.
FROITOS DUN PROXECTO SÓLIDO E ESTABLE
Pola súa banda, a presidenta provincial, Elena Candida, tamén quixo destacar a declaración de patrimonio da Humanidade do Camiño Norte e, no caso de Mondoñedo, da súa catedral para indicar que este feito non foi froita do casualidade, senón de múltiples esforzos, entre os que lembrou que se teñen realizando investimentos moi significativos, como a posta en marcha do que está considerado como o mellor albergue de peregrinos particular desta ruta, a licitación de desbroces e sinalización de entradas e saídas á cidade.
“Ser Patrimonio da Humanidade permitirá, como apuntou, multiplicar a promoción internacional do conxunto desta esta comarca como un destino que aposta pola nosa gastronomía, pola natureza, polo noso turismo cultural, artístico e de calidade”
Candia dixo tamén que para acadar as boas cifras apuntadas foi clave a liña iniciada durante os pasados oito anos e, moi en particular, a importancia de continuar cun goberno estable, que ten na Mariña un plan estratéxico claro, ao que se suman incluso as axudas dos grupos de desenvolvemento local, como Terras de Miranda, para que sigamos crecendo como un destino turístico ordenado, de calidade e que arredor del se crean moitos postos de traballo.
“Para este territorio a aposta polo turismo é clave pois é a nosa industria principal que ademais como dicimos sempre é unha industria limpa e que non contamina e xera moitos postos de traballo e que ademais xera moitos ingresos para manter a calidade de vida dos nosos veciños e veciñas.
COMERCIO
Xa para rematar os populares comprometéronse a dar continuidade ás estratexias levadas a cabo ata o momento, consolidando as actuacións que teñen permitido incrementar o número de visitantes e as cifras de ingresos do sector nos últimos anos; á vez que se amosaron dispostos a innovar con propostas tácticas que reforcen o turismo como un piar da economía galega.
Como por exemplo unha das medidas apuntadas pola candidata e exdirectora de Turismo de Galicia foi a de revitalizar a actividade comercial é potenciar e dinamizar a vida das nosas vilas e do entorno rural. "Incentivaremos a utilización dos baixos comerciais, para evitar a inactividade e promover a revitalización dos espazos urbanos como espazos de encontro, lecer e intercambio potenciando solucións de incidencia estética”.- concluíron