Partido Popular de Lugo

Candia esíxelle a Campos que convoque “dunha vez” a reunión da Xunta Xeral de Suplusa para ratificar os novos estatutos, propostos polo PP, que “garantirán a apertura das residencias”

A voceira popular, Elena Candia, rexistrou o pasado día 5 de agosto un escrito para axilizar esta convocatoria e lamentou “que aínda non se obtivese resposta algunha por parte do organismo provincial”. Candia lembrou que dende a celebración do Consello de Administración o pasado día 28 de xullo, onde se aprobou esta modificación estatutaria e se estableceron 20 días naturais para a celebración da reunión da Xunta Xeral, polo que a reunión tería que ser convocada antes do día 13 de agosto”.

 A popular critica que “o presidente provincial demostre de novo a súa pasividade coa provincia, incumpra os acordos do consello de administración e siga dilatando o bloqueo ao que ten sometida a Suplusa e a toda a sociedade lucense ao esgotar os prazos legalmente establecidos”.

A voceira lembrou que na modificación dos estatutos, proposta polo PP, inclúense avances tan importantes como a modificación do obxecto social da Sociedade “para que esta sexa recoñecida como prestadora de servizos sociais, tales como a posta en marcha das residencias para a atención de persoas da terceira idade, que coa redacción actual non era legalmente posible”.

Candia lamenta  que “a esta institución só lle interesen as residencias cando  poden empregalas como arma de batalla contra a Xunta, pero non lles preocupan cando teñen que adoptar decisións para poñelas en marcha”. “É imprescindible unha modificacións estatutaria de Suplusa para poder xestionar as residencias. Pois a pesar que a Sociedade nace hai anos, non foron quen aínda de inscribila como entidade prestadora de servizos sociais”.

“Esta modificación estatutaria proposta polo PP adáptase os estatutos á normativa de servizos sociais e permite que Suplusa xestione as residencias que están xa en marcha como a de Castroverde ou da Fonsagrada, que son as que están máis avanzadas”, engade.

 

Cambios que introduce a modificación dos estatutos

Deste xeito, na nova redacción do artigo 2 do estatutos inclúese que “a Sociedade terá como obxecto a realización de actividade ligadas ao ámbito social sempre que se trate de prestacións, programas e servizos de carácter social, entendendo este como todas as prestacións, programas e equipos destinados a garantir a igualdade de oportunidades no acceso á calidade de vida e a participación social de toda a poboación galega”.

A popular avanzou tamén que se modifican os artigos 13 e 15 referidos ao Consello de Administración para que o mesmo se adapte á proporcionalidade do pleno. Os populares propoñen, ademais, que o presidente e o vicepresidente sexan elixidos polo propio consello de administración, entre os seus membros e por maioría absoluta. Ademais outórgaselle ao presidente a potestade de “adoptar cantas medidas sexan precisas para garantir o cumprimento das obrigas legais de transparencia e bo goberno”.

Co fin de garantir a obxectividade e bo funcionamento da Sociedade tamén se cambia quen ostenta a competencia para nomear xerente. “Antes podía nomealo o propio presidente e agora será o propio Consello de Administración”, resume a popular.