Lugo, 11 de agosto de 2016.- O Grupo Provincial do Partido Popular valora solicitar a convocatoria de un pleno extraordinario para que a Deputación de Lugo dea conta da auditoría realizada ao Breogán para “coñecer a situación real do clube de baloncesto”.
A voceira popular, Elena Candia, asegurou que dende o seu grupo se ven obrigados a tomar esta medida “ante a falta de resposta tanto do PSOE como do BNG ao ser preguntados polo futuro do Breogán”.
Candia apunta que non se pode entender a falta de responsabilidade do presidente ao asegurar nunhas recentes declaracións aos medios que non ten nada que decir sobre este tema porque ‘a Deputación de Lugo xa non é propietaria de accións do Breogán e son os socios maioritarios e donos do clube os que teñen que dar o seguinte paso’ e con este banal argumento “se desentende dun clube que para a provincia é unha institución”, critica a voceira.
Por este motivo, os populares consideran “imprescindible” que a Deputación “clarifique o apoio en todos os aspectos ao Breogán” e lamentan que o actual presidente “estea actuando de novo con irresponsabilidade ao non amosar o seu posicionamento claro e o apoio claro e incondicional do ente provincial ao clube de baloncesto”.
A voceira esíxelle de novo ao BNG que faga balance da súa xestión co clube dende o ano 2007, “durante case unha década de goberno á fronte da área de deportes do organismo provincial”. Os populares recordaron que o Breogán estivo presidido polos deputados provinciais nacionalistas Antón Bao e Antonio Veiga” e criticaron “a xestión levada a cabo”. Dende o grupo provincial do PP lamentaron tamén a falta de transparencia de Antonio Veiga e criticaron de xeito rotundo o proceso de venda do Breogán “do xeito que se fixo”.
Dende o grupo provincial popular quixeron tamén amosar o apoio do seu grupo a todo o equipo “co que estamos e seguiremos comprometidos”. “Debemos lembrar que hai antecedentes referidos á xestión do clube que nos preocupan profundamente e non queremos que se repitan baixo ningún concepto”.
Apoio dos 12 deputados populares ao clube
Os populares avanzaron que “poñemos a disposición do clube e da nova directiva, como sempre fixemos, aos 12 deputados cos que contamos na corporación para ofrecerlles un apoio serio e comprometido”.
Dende o Grupo provincial do PP lamentan de novo a falta de transparencia do presidente “que volve poñer de manifesto as súas carencias á hora de gobernar”. E engaden que “o deber do organismo provincial é apoiar a estes clube e ao resto de clubes deportivos que tanto fan pola nosa provincia”.