Partido Popular de Lugo

O Grupo Provincial do PP consegue que a Deputación avance na inclusión da lingua de signos na institución

Lugo, 26 de xullo de 2016.- O Grupo Provincial do PP presentou unha emenda á moción do PSOE para promover a lingua de signos a través da que conseguen que a Deputación avance na inclusión desta lingua na institución. Así, estudarán a presenza dun Intérprete da Lingua de Signos nos plenos, así como a rúbrica dun acordo para o apoio ás entidades de persoas Xordas que veña a fortalecer un servizo de Intérpretes de Lingua de Signos efectivo en toda a provincia.

Ademais, os populares conseguiron o apoio para que a Xunta siga a traballar, en colaboración coa FAXPG, para a promoción e coñecemento da Lingua de Signos Española no ensino e a formación do profesorado nesta materia.

A deputada Mari Teijeiro indicou que “a lingua de signos xa está inserida dentro do sistema educativo galego. Coincido na importancia de avanzar no coñecemento da lingua de signos pero non podo compartir parte do seu discurso porque os argumentos non son de todo certos”, explicou.

Teijeiro precisou que “para facer esta proposta teríanse que informar e poñer en contacto coas asociacións de persoas xordas pois hoxe en día os centros educativos xa teñen autonomía para configurar a oferta de formación para toda a comunidade educativa en lingua de signos, así como para facelo dun xeito regrado mediante materias de libre configuración”.  E engadiu que “a Xunta de Galicia está a traballar en colaboración coa Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia para garantir o acceso de toda a comunidade educativa á lingua de signos”.

 

Convenio coa Asociación

Grazas á emenda do PP a Deputación Provincial tamén promoverá un convenio de colaboración coas Asociacións de Persoas Xordas de Lugo e a FAXPG que garanta a cobertura das necesidades de acceso á comunicación e á información das persoas xordas da provincia promovendo os recursos necesarios para un servizo de Intérprete de Lingua de Signos.

Tamén instan ao organismo provincial a favorecer a realización de cursos de formación en lingua de signos e coñecemento da comunidade xorda na provincia, na que hai case 2.500 persoas con discapacidade auditiva.