O Grupo Provincial do PP rexistrou unha moción para o seu debate no vindeiro Pleno na que pide que a Deputación habilite unha liña de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, destinada a subvencionar ás escolas municipais de música. Para iso, os populares demandan que se teñan en conta tres aspectos fundamentais: o esforzo e implicación realizado polas administracións locais, a organización educativa e a capacidade de dinamización sociocultural.
O PP destaca o gran labor que están a levar a cabo cada unha das escolas de música municipais que existen na provincia, un traballo que representa un importante desembolso económico para os concellos, posto que o seu mantemento supón investimentos que oscilan entre os 25.000 e os 225.000 euros, dependendo do municipio do que se trate.
A voceira do PP, Elena Candia, considera que se fai necesario dotar ás administracións públicas que sustentan escolas de música con recursos suficientes para levar a cabo a tarefa educativa, con especial dedicación e facilitando que podan ofertar un ensino de calidade.
Así, tendo en conta a crecente demanda e a importante labor social que aportan as escolas de música, o PP pensa que xorde a necesidade de que a Deputación de Lugo se comprometa a axudar, non de xeito puntual, senón a través dunha liña de axudas consolidada, para dar contido a estas escolas de música e propiciar deste xeito que podan traballar de forma estable ao longo do tempo.
As mesmas oportunidades para todos
Os populares recordan que a cultura e as artes son compoñentes básicos dunha educación integral que permite ao individuo desenvolverse plenamente. Polo tanto, o desenvolvemento creativo e cultural debe ser unha meta básica para a educación.
Candia precisa que a educación musical debe considerarse unha parte imprescindible da educación, polo que esta liña de axuda contribuiría a proporcionar a todas as persoas as mesmas oportunidades para desenvolver a súa actividade cultural e artística.
O Grupo Municipal do PP toma como referencia para facer esta proposta a Orde da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria de 11 de marzo de 1993 que regula a creación e o funcionamento das escolas de música da Comunidade Autónoma de Galicia, destacando a especial responsabilidade das corporacións locais nesta materia.
20 escolas de música provinciais
Na actualidade están a funcionar na provincia 20 escolas de música municipais nos concellos de Begonte, Burela, Mondoñedo, Chantada, A Pontenova, Meira, A Pastoriza, Guitiriz, Rábade, Ribas de Sil, Taboada, A Pobra do Brollón, Paradela, Monforte, Sober, Foz, Ribadeo, Sarria, Xove, e Outeiro.