Partido Popular de Lugo

O PP da Fonsagrada censura a decisión do equipo de Goberno de nomear o novo campo de fútbol como Gómez Besteiro

A Fonsagrada, 20 de xullo de 2016.- O Grupo Municipal do Partido Popular da Fonsagrada censura a decisión do equipo de Goberno municipal de pórlle ao novo campo de fútbol o nome de Gómez Besteiro, o ex líder do PSdeG. Os populares consideran esta medida “unha ocorrencia” dos socialistas que non comparten, polo que amosan o seu rexeitamento.

O voceiro do Grupo Municipal do PP, Tobías Martínez, explica que defenden a construción e apertura das instalacións “porque eran necesarias e demandas polos veciños e veciñas, pero deixando claro que non estamos de acordo con que lle poñan o nome do ex presidente da Deputación de Lugo cando o investimento o fixo a institución e non el persoalmente”, engade.

Desde o Grupo Municipal do PP consideran que na localidade “existe outra xente que atesoura máis méritos que o ex líder dos socialistas, aos que A Fonsagrada lle debe maior recoñecemento e que podían ter sidos en conta para bautizar o campo”.

“Lamentamos que o PSOE tomara esta determinación sen buscar o consenso cos demais membros da Corporación para que o alcalde unicamente pague favores políticos”, explica Tobías, quen engade que os veciños e veciñas da Fonsagrada non van entender que se lle dea as costas a outros persoeiros ilustres aos que se podía honrar levando o nome do campo”.