Partido Popular de Lugo

O PP quere que Lugo sexa unha provincia cardioprotexida coa instalación de desfibriladores

Coa adopción desta medida Lugo adquiriría o estatus de provincia cardioprotexida

O Grupo Provincial do PP propón a posta en marcha dun programa de cooperación cos concellos para a instalación de desfibriladores

Lugo, 19 de xullo de 2016.- O Grupo Provincial do PP presenta unha moción para o seu debate no próximo Pleno do martes 26 na que demandan a posta en marcha dun programa de cooperación cos concellos para a instalación de desfibriladores en toda a provincia.

Así, os populares solicítanlle á Deputación provincial que aprobe a elaboración dun Plan de cooperación cos concellos para axudar aos municipios de menos de 20.000 habitantes na adquisición de desfibriladores para a súa instalación nos espazos de maior afluencia de veciños e veciñas, de xeito que Lugo adquira a condición de Provincia Cardioprotexida.

A voceira do Grupo Provincial do PP, Elena Candia, demanda ademais que se inclúa no plan que a axuda da Deputación consista no 100% do prezo do desfibrilador, procurando ademais a formación específica para o seu correcto manexo por persoal capacitado.

Un problema de primeira magnitude

Na súa iniciativa os populares explican que cada vinte minutos se produce unha parada cardíaca, o que representa un problema de saúde pública de primeira magnitude. A experiencia acumulada nas Unidades de Coidades Intensivos demostra que a efectividade da desfibrilación temperá  na recuperación dun ritmo cardíaco eficaz alcanza o 90% cando sexa posible efectuala no primeiro minuto de evolución trala parada cardíaca.

Os expertos indican a estratexia que se debe seguir ante unha parada cardíaca, que de basean en catro chanzos da cadea de supervivencia: alerta inmediata ante unha posible parada, inicio precoz da resucitación cardiopulmonar (RCP) básica por testemuñas, desfibrilación temperá e soporte vital avanzado en escasos minutos.

Nesta secuencia, precisan, a desfibrilación precoz constitúe a chave para a supervivencia.

Así mesmo, o 6ª Obxectivo da Estratexia de Cardiopatía Isquémica, aprobada polo Consello Interterritorial, e que forma parte do Plan de Calidade para o Sistema Nacional de Saúde, recomenda “proporcionar asistencia in situ con capacidade de desfibrilar no menor tempo posible e proporcionar transporte rápido ao hospital con persoal capacitado e equipamento adecuado”.

A protección necesaria en espazos de gran afluencia

Elena Candia engade que a Deputación de Lugo, na súa condición de Goberno provincial que asesora técnica, económica e xuridicamente aos concellos da provincia, debera elaborar un plan de cooperación cos concellos para axudalos na adquisición dos desfibriladores que colocarían en espazos de gran afluencia de veciñas e veciños, como oficinas municipais, infraestruturas deportivas, culturais ou piscinas, ente outros. “Deste xeito veciños e visitantes contarían coa protección necesaria ante a aparición de calquera episodio de para cardíaca aguda”, explica.