Lugo, 12 de xullo de 2016.- Os voceiros do Grupo Municipal do Partido Popular de Becerreá, Cervantes, Navia de Suarna e Pedrafita do Cebreiro agradécenlle ao consellerio de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, a concesión do obradoiro de emprego Comarca de Ancares.
Os populares destacan a importancia deste tipo de iniciativas que teñen a finalidade de “mellorar a cualificación laboral das persoas desempregadas co fin de ofrecerlles maiores posibilidades de inserción no mercado laboral”. Neste senso populares salientan o compromiso da Xunta de Galicia “por xerar emprego, riqueza e favorecer o desenvolvemento económico da montaña lucense”.
No obradoiro Comarca de Ancares formaranse durante seis meses desempregados e desempregadas da montaña lucense. Os participantes nestas accións formativas levarán a cabo actuación relacionadas coa rehabilitación e mellora de infraestruturas públicas e espazos ambientais.
Os voceiros populares resaltaron a importancia que teñen este tipo de iniciativas “pois as persoas desempregadas que participen nas accións formativas ampliarán ou adquirirán coñecementos nalgunha especialidade profesional e mellorarán o seu currículo ao realizar un traballo que, ademais, será remunerado”.
Ademais, precisaron, “ao rematar os obradoiros, a experiencia formativa e laboral seralles acreditada cun certificado de profesionalidade, fundamental hoxe en día para atopar emprego”, concluíron.
A Xunta impulsa 19 obradoiros na provincia
Serán 51 os concellos da provincia de Lugo que desenvolverán ao longo dos vindeiros meses un total de 19 obradoiros de emprego destinados a persoas en situación de desemprego grazas á concesión da Xunta de Galicia.
Para o desenvolvemento destas iniciativas destinaranse algo máis de 3,2 millóns de euros, un investimento que supera en máis dun millón de euros ao do ano anterior.
Entre os proxectos dos obradoiros de emprego e as lanzadeiras postas en marcha pola Xunta de Galicia poderán beneficiarse preto de 600 persoas, incrementándose en máis de cen os beneficiarios do ano 2015.