Lugo, 28 de xuño de 2016.- O Grupo Provincial do PP sacou adiante por unanimidade un compromiso para que o organismo provincial colabore cos concellos na recollida e tutela de animais abandonados.
O deputado, Carlos Armesto, apuntou que “dende o Grupo Provincial Popular consideramos necesario que a Deputación de Lugo se implique e colabore cos concellos nesta materia e se coordine a recollida e tutela de animais abandonados na nosa provincia”. Asegurou que “mediante esta colaboración estaríamos contribuíndo ao obxectivo fundamental de darlles amparo e salvagarda a estes animais, garantindo a súa atención e protección temporal, así como eliminando os riscos que pode provocar nos veciños, ao mesmo tempo que se lles da unha nova oportunidade ao poder poñelos en adopción”.
Armesto recordou que a recollida e tutela de animais abandonados “é unha demanda de moitos concellos que, nalgúns casos, non poden asumir estes custes”. Por este motivo, o deputado explicou que “consideramos necesario que o organismo provincial se implique e colabore cos concellos nesta materia”.
O deputado engadiu que “hai un problema real na provincia e é unha demanda constante de todos os Concellos. A lexislación vixente encoméndanos a tutela destes animais e entendemos que a Deputación ten a obriga de auxiliar aos concellos naquelas obrigas e demandas que necesitan e a idea é poder entre todos buscar un consenso para que a Deputación poida poñer un servizo para atender unha problemática grave”.
Armesto recordou que “é preciso actuar pois hoxe a Protectora de Animais e Plantas de Lugo está saturada e ten máis de 1.150 animais e mantén convenios firmados con 8 concellos”. No ano 2015 a Protectora véndose totalmente limitada tomou un acordo de non firmar convenios con máis concellos e aínda que algún concello de ámbito máis urbano pode ter algunha canceira dentro da provincia o que é certo é que hai máis de 43 Concellos que non teñen ningún tipo de resposta a unha situación real a crítica.
Compromiso xa adquirido no Goberno de Candia
O deputado popular lembrou que xa durante o goberno de Elena Candia unha das primeiras visitas que se fixo foi á Sociedade Protectora de Animas e Plantas de Lugo e cedéuselle a finca de Codesido con 40.200 metros cadrados “para poder dalgunha maneira reforzar ese servizo que estaba dando a única asociación da provincia e contribuír a mellorar ese servizo”.
O populares indicaron que “entendemos que a Deputación ten que tomar cartas no asunto e crear un servizo, un servizo que a maioría das Deputacións españolas teñen dado unha solución a este tema, ben cun servizo directo dende as propias Deputacións ou contratando servizo con algunha empresa”.
Os populares sumaron á súa moción unha emenda presentada polo PSOE co fin de “poñer solución a unha problemática real que están sufrindo os Concellos”.