A alcaldesa de Mondoñedo, a popular Elena Candia, agradece o traballo “feito por todos” para que o PXOM de Mondoñedo sexa hoxe unha realidade. Así o destacou esta mañá tras a rúbrica definitiva do Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello na que a rexedora estivo acompañada pola conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, así como pola secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas.
A aprobación definitiva do PXOM foi posible, tal e como destacou, grazas ao traballo e implicación do Goberno galego, dos técnicos municipais, das administracións que se implicaron nos informes: a Deputación provincial, Estradas de Fomento, a Xunta, as Consellerías de Medio Ambiente e patrimonio e, de xeito especial, a Secretaría Xeral de Urbanismo.
Elena Candia explicou que o Goberno autonómico se comprometeu a traballar na mellora da norma desde o seu inicio, deixando claro a importancia de dotar de seguridade xurídica a situación urbanística de Galicia.
Valorou as decisións “valentes” que se teñen tomado para chegar ao día de hoxe e o compromiso e traballo feito por Loira, Luis Rego, Orlando, polo actual concelleiro de Servizos, Urbanismo e Obras, José Otero Rejes, e polo conxunto do seu equipo “sen os que hoxe este plan non sería unha realidade.”
Subliñou, por último, “que temos o mellor dos plans posibles, o que favorecerá unha protección e o desenvolvemento económico e urbanístico da nosa cidade nos vindeiros anos”.