A alcaldesa de Folgoso do Caurel, Lola Castro, agradece o traballo feito polo Grupo Provincial do PP que permitirá que a residencia de maiores da localidade, ademais de construírse, duplique o número de prazas previsto. O proxecto, iniciado sendo presidenta a popular Elena Candia, terá agora continuidade, un xesto que a rexedora lle agradece tamén ao responsable provincial.
Castro mantivo hoxe unha reunión cos responsables da Sociedade Urbanística Suplusa na que ambas as partes acordaron estudar a posibilidade de aumentar o número inicial de prazas para a nova residencia da terceira idade. Deste xeito pasaríase das 24 previstas inicialmente a 50. Isto sería posible ao construír un novo edificio e non aproveitar o que xa existe. O organismo provincial comprometeuse a correr cos gastos da nova construción.
Castro fixo unha valoración “positiva” da xuntanza mantida e precisou que acordou coa sociedade “a posibilidade de facer un centro con 30 prazas de residencia e 20 para centro de día”. A alcaldesa amosouse satisfeita desta decisión “polo número de maiores aos que se lles ofertará o servizo e tamén polos postos de traballo que esta residencia vai crear na localidade”.
A rexedora afirmou que se trata dun “soño feito realidade” e recordou que “pode levarse a cabo grazas a que o Grupo Provincial do PP “logrou que Suplusa inclúa nos seus Orzamentos para 2016 unha partida para a construción desta residencia en Folgoso do Caurel”.
Emprazamento nun novo edificio
Lola Castro explicou tamén que na xuntanza mantida con Suplusa acordaron estudar a opción de construír un novo edificio para emprazar a residencia nos terreos cedidos polo propio Concello no lugar onde estaba o antigo colexio de Folgoso. Castro sinalou que estudarán esta opción, en lugar de rehabilitar o antigo edificio, porque pode ser máis económica que a inicial e ademais favorece o aumento de prazas.