Partido Popular de Lugo

Carta da presidenta provincial, Elena Candia, ante as eleccións xerais

Querido/a militante:

Como ben sabes, o vindeiro 26 de xuño todos os españois temos que tomar unha decisión crucial que marcará o noso presente e o noso futuro.

Son moi consciente de que o teu partido, que é o meu, cometeu erros e non me cansarei nunca de pedirche desculpas por todos e cada un deles. Descúlpome porque sei que houbo xente que lle fallou á militancia e á sociedade. Fallouche a ti e a todos os que cremos que a política só se pode facer con honestidade e traballo.

Agora é tempo de mirar cara adiante e o PP ten un proxecto para mellorar a vida da xente que é, ao fin e ao cabo, o que a sociedade espera de nós como políticos. O que votemos o día 26 de xuño é decisivo para as nosas vidas e temos que ser conscientes e responsables á hora de elixir a opción política que queremos para axudarnos a camiñar na boa dirección.

Ti e a túa familia merecedes unha sanidade e un ensino de calidade, os nosos maiores merecen unha protección social que preserve a súa dignidade, as pensións deben estar garantidas e todos os parados teñen que atopar un traballo porque ese é o seu dereito.

Este é o obxectivo do PP. Para iso estivemos e seguimos traballando. Ti xa sabes que non todo está feito porque os resultados non chegan tan rápido como nós queremos pero os datos que temos din que imos polo bo camiño: o paro baixa, a afiliación á SS sube e co esforzo de todos, pouco a pouco imos saíndo adiante.

No PP non imos perder o tempo insultando aos nosos rivais nin vendendo fume. Non prometemos cousas imposibles. Non xeramos incerteza nin inestabilidade. Non estamos aquí para facer experimentos nin discursos baleiros. A nosa aposta é facer un país serio, con empresas que xeren oportunidades laborais para todos. Un país con esperanza e futuro para os máis novos. Nós estamos aquí para traballar por ti e contigo.

Por iso che pido o teu voto para o PP o vindeiro 26 de xuño, porque ese voto será un A FAVOR do noso país e de todos nós. Aproveito tamén para invitarte ás xuntanzas que imos manter cos veciños da provincia ao longo destes días. Gustaríame verte e falar contigo.
Coma sempre,

MOITAS GRAZAS!!!

Elena Candia López
Presidenta Provincial PP de Lugo

Descarga a carta premendo aquí