Partido Popular de Lugo

As achegas do PP conseguen que nova ordenanza de teleasistencia vaia regular as altas de acordo a criterios técnicos dos traballadores sociais dos concellos

O Grupo Provincial do Partido Popular celebra que grazas a súa petición no último pleno da Deputación de Lugo na que conseguiron que quedara sobre a mesa a ordenanza do servizo de teleasistencia Social no Fogar se lograse “que o novo texto conste dun traballo coordinado e consensuado cos técnicos dos servizos sociais dos concellos e os deputados das diferentes formacións que compoñen a corporación”.

Os populares demandaron tamén de que na reunión para a redacción do novo texto, que terá lugar o próximo martes día 14 de xuño, participen todos os axentes implicados e haxa coordinación coa Xunta de Galicia para a elaboración da nova ordenanza, tal e como viñan solicitando. “Pedimos unha regulación das novas altas acorde aos criterios técnicos dos Traballadores Sociais dos concellos, así como unha coordinación coa Xunta de Galicia para evitar a duplicidade e solapamento na oferta do servizo”, explica a deputada Mari Teijeiro.

A deputada popular agradece “a disposición ao diálogo do novo deputado responsable da area social, Álvaro Santos, que tivo a ben aceptar as propostas que se lle fixeron chegar na reunión mantida a pasada semana”. Teijeiro engadiu que “o Grupo Provincial do Partido Popular quixo dar continuidade ao traballo comezado cando estivo ao fronte do goberno na Deputación provincial” e recordou “que foi nese momento cando se asumiu por primeira vez o custo total do servizo dende a institución provincial liberando aos concellos da aportación que tiñan que facer cada ano”. Puntualiza que “ polo tanto, ademais de ser un servizo gratuíto para os usuarios supuxo unha liberación orzamentaria para os concellos”.


A deputada sinalou que “foi tamén co PP no goberno cando se empezou a falar de renovar o servizo e dar altas para cubrir as prazas que figuraban no contrato coa empresa que presta o servizo e que non estaban cubertas, dado que nos últimos anos só se producían baixas e a Deputación non estaba a conceder novas altas para o que era necesaria unha nova ordenanza”.

O PP continúa coa labor iniciada cando estaba no goberno

Os populares lembraron que cando o PP estaba no goberno da Deputación “xa se comezara a traballar no texto desa ordenanza e para iso tiña convidados aos concellos e aos traballadores e traballadoras Sociais da provincia para coñecer as necesidades das diferentes zonas e as propostas técnicas do colectivo de Traballadores Sociais, para o que xa mantivera tamén unha reunión con Colexio de Traballo Social”.

Apuntaron tamén que cando o PP estaba no goberno “mantivo unha aposta clara por reactivar os servizos que favoreceran a autonomía dos nosos maiores e a súa permanencia no fogar”. “Marcouse tamén unha folla de ruta que quixemos continuar agora dende a oposición para modificar a ordenanza de Teleasistencia no pleno de maio de 2016 e así o reiteramos na reunión mantida con Deputado Delegado da Área de Política económica e social esta mesma semana acordando consultar aos técnicos e facilitar a xestión das novas altas”, conclúe.