Partido Popular de Lugo

Elena Candia cumpre a súa promesa de abrir o PP de Lugo á cidadanía e crea o buzón do militante

Lugo, 2 de xuño de 2016.- Os afiliados e simpatizantes do PP de Lugo xa dispoñen do buzón do militante, unha ferramenta de comunicación directa e sen intermediarios á que se pode acceder desde a páxina web www.ppdelugo.es.

 

A través dun formulario visible na cabeceira do sitio web, todas as persoas interesadas poden deixar as súas mensaxes para os máximos responsables do partido na provincia. En concreto, dispoñen dun despregable no que poden elixir como destinatarios á presidenta, ao vicepresidente, ao secretario xeral ou ao secretario de organización.

 

Con esta medida, a presidenta do PP de Lugo cumpre o compromiso adquirido ao longo da campaña na que se presentou como candidata para presidir o PP na provincia, na que asegurou que, de gañar, abriría o partido á militancia.

 

“Quero un partido vivo e participativo, un partido para a xente, feito á medida das necesidades dos cidadáns”, matizou Candia.

 

Con esta iniciativa intensifícase a colaboración entre os máximos responsables do PP na provincia de Lugo e a cidadanía que, tal como asegurou  Elena Candia, “terá voz propia e directa no noso proxecto e esa voz será escoitada e terémola en conta para poñer en marcha as medidas que a xente nos requira. Non estaremos de costas nin á marxe da xente. Estaremos sempre ao seu carón que é para o que nos elixiron”.  

 

 

Nova páxina web

A posta en marcha do Buzón do militante abre unha nova etapa de interacción e transparencia na comunicación que o PP de Lugo quere establecer cos cidadáns, dos que espera colaboración para deseñar programas e actividades útiles e capaces de resolver os problemas cotiás da xente.

 

Ao abeiro desta nova liña de traballo, estase a mellorar a páxina web do partido para facela máis interactiva e adaptada aos novos formatos e ferramentas de comunicación.