A Fonsagrada, 1 de xuño de 2016.- Os populares lucenses quixeron poñer en valor os plans do Goberno galego para o fomento do uso da lousa como material de construción e, nesa liña, salientaron o Plan renove posto en marcha pola Consellería de Economía, Emprego e Industria e dirixido a familias e comunidades de propietarios para empregar este material na renovación de cubertas e fachadas de edificios e vivendas.
Así o destacaron a presidenta provincial, Elena Candia, acompañada do cabeza de lista ao Senado, José Manuel Barreiro e doutros cargos populares, durante a súa visita ás instalacións de Entrepizarras, a primeira empresa da Fonsagrada en número de empregados, onde aproveitaron para confirmar o seu apoio a un sector que está xerando riqueza e emprego e que constitúe toda unha aposta polo emprendemento no rural.
Plan Renove de Lousa
Desde o PP lembraron que as achegas autonómicas do Plan Renove de lousa cobren o 40% do total do custo da obra a executar. Ademais subvenciona os materiais, a desmontaxe das cubertas existentes e a montaxe das novas, así como os custos dos proxectos de arquitectura ou enxeñería que se entendan necesarios e de licenza.
Con este obxecto, o Goberno galego dedica un total de 2,1 millóns de euros, co que se aspira a dar traballo a 700 profesionais do sector da lousa en Galicia.
Desde o Partido Popular lembran que a lousa conta cunhas características especiais que a converten nun elemento de gran calidade para o seu uso como material de cubrición, contribuíndo ademais á redución dos consumos enerxéticos nos fogares galegos.
A principal empresa da Fonsagrada
Europizarras é na actualidade unha das empresas louseiras máis importantes a nivel nacional e internacional. Distribúe lousas desde hai máis de 50 anos e está presente en 15 países. Ten 85 empregados e opera desde a canteira Campo Vilarchao desde 1991. Trátase da principal empresa da Fonsagrada en volume de facturación.
Produce lousa 100% Natural: Extraída directamente da terra. Produce entorno a 15.000 toneladas. Todas as lousas pasan un control de calidade e están certificadas coas Normas vixentes (CE, NF e ATG). Os produtos levan un Certificado de Garantía de 25 anos.
Os populares recoñeceron durante a súa visita o destacado papel desta empresa na produción industrial e na actividade exportadora do sector da lousa e no conxunto da economía da comarca da Fonsagrada.
Un sector estratéxico
A actividade da lousa consolídase como un dos sectores máis estratéxicos da economía en Galicia, mantendo tanto os seus niveis de emprego como o nivel de produción e de exportacións.
O sector da lousa en Galicia, integra toda a cadea de valor da industria -desde a extracción á colocación- xerando preto de 12.500 postos de traballo entre emprego directo e indirecto.
España é o principal produtor de lousa para cubertas a nivel mundial, con 500.000 toneladas anuais, achegando Galicia o 60% desta produción.