Partido Popular de Lugo

O Grupo Provincial do PP urxe que a Deputación “de xeito inmediato” acometa os traballos de desbroce nas principais zonas turísticas da provincia

Lugo, 1 de xuño de 2016.- O Grupo do Partido Popular na Deputación de Lugo remitiu de novo un rogo ao presidente da institución no Pleno de onte, o socialista Darío Campos, a través do que urxe que “de xeito inmediato” se acometan os traballos de desbroce das estradas provinciais, facendo especial fincapé nas que vertebran as principais zonas turísticas da provincia.

 

A voceira dos populares, Elena Candia, lamenta a falta de “preocupación e de traballo” do bipartito na administración provincial e lembra que en pasados rogos “demandábamos que se levaran a cabo os labores de desbroce nas estradas da súa titularidade antes dos meses de verán, de xeito que axilizaran os trámites e estes acometidos se realizasen antes da época estival”. A principios do mes de xuño, aos populares cónstalles que a Deputación de Lugo “unha vez máis fixo oídos xordos” ás peticións “non só do noso Grupo, senón de alcaldes, voceiros e veciños, mentres mantén esquecida a rede viaria provincial”.

 

Ante esta circunstancia, dende o Grupo Popular consideran “máis preocupante aínda”, matiza Candia, a situación de abandono que se está a dar na Ribeira Sacra e na Mariña, dado o seu importante potencial turístico. A voceira explica que o estado das vías e a súa sinalización son o primeiro contacto do turista co territorio “e disto dependerá a imaxe inicial e predisposición positiva ou negativa coa que os nosos visitantes comecen a súa viaxe”.

 

Deste xeito, ademais de urxir que se acometan estes labores de desbroce en toda a rede viaria provincial, a través do último rogo os populares fan fincapé na “necesidade inmediata” de que a Deputación de Lugo, de cara á tempada alta da época estival, proceda a acometer os labores de limpeza das estradas da súa titularidade nos concellos da Ribeira Sacra e da Mariña e “garantir así o tránsito e accesibilidade dos seus veciños e veciñas e das persoas que visitan estas zonas”.

 

Elena Candia lembra que esta situación “se está a dar de xeito reiterado ano tras ano e a realización tardía destes labores convértese nun feito común da Deputación de Lugo, ata o punto de que nalgúns concellos se chegaron a acometer estas actuacións mesmo nos meses de outono”. Así, a popular asegura que esta circunstancia pode chegar a derivar en consecuencias “moi negativas” dado a maior facilidade que ofrece a maleza á hora da propagación dos incendios forestais, ademais de que a falta de limpeza dos bordes das estradas tamén entrañan un considerable perigo para a circulación.