Partido Popular de Lugo

O Grupo Provincial do PP consegue que a Deputación de Lugo aprobe unha declaración institucional sobre o futuro das plantas de Alcoa

Lugo, 31 de maio de 2016.- O Grupo Provincial do Partido Popular consegue que a Deputación de Lugo aprobe unha declaración institucional da Corporación, como o están facendo outras administracións, entre elas o Parlamento de Galicia, sobre o futuro das plantas de Alcoa.

 

Os populares consideran que a declaración institucional é resultado dun acordo entre todos os partidos, o que demostra unidade, o que todos os traballadores de Alcoa e a sociedade da Comarca e a provincia no seu conxunto agardan dos seus responsables políticos.

 

A voceira dos populares na Deputación, Elena Candia, explicou que “conseguimos convencer ao equipo de goberno que coa situación da factoría Alcoa e dos seus traballadores non se debe facer política” e así, engaden,  “os socialistas e os nacionalistas mudaron a idea de levar a pleno unha proposta plenaria co conseguinte debate político e entre todos chegamos a un acordo de apoio unánime sobre o futuro das plantas de Alcoa”.

 

 

Na declaración que promoveu o PP maniféstase o interese e preocupación da institución provincial e de todos os seus deputados e deputadas pola situación que atravesan as plantas de Alcoa, nomeadamente en Galicia e con especial mención á de San Cibrao, na Mariña. O texto ocúpase ademais polos efectos que esta situación pode ter sobre os investimentos e a permanencia dos postos de traballo.

 

Neste senso, Candia quixo agradecer a dispoñibilidade amosada tanto polo presidente da institución, Darío Campos, como polo nacionalista Antón Veiga. “É moi importante que os traballadores vexan que nos asuntos relevantes, a pesar das nosas diferenzas, damos unha imaxe de normalidade, o que tanto precisa esta institución”, considera a popular. “Acadamos que dende esta institución se faga un chamamento a defender a súa continuidade, ao mantemento dos seus postos de traballo así como do investimento nesta empresa, unha das máis importantes da provincia”, recalcou.

 

Por último, Elena Candia, que compareceu acompañada polo alcalde de Xove e deputado provincial, Demetrio Salgueiro, lembrou que “este grupo estivo reunido con representantes dos traballadores, sendo o primeiro grupo político que se puxo ao seu lado e á súa disposición”.