Partido Popular de Lugo

Candia censura que en seis anos o Goberno bipartito non crease “unha soa praza pública” nos centros de maiores da Deputación

A voceira do Grupo Provincial do Partido Popular, Elena Candia, puxo de manifesto esta mañá a “incapacidade” do goberno da Deputación que dende o ano 2010, data de aprobación da encomenda de xestión en pleno para a construción das residencias, “non creou nin unha soa praza pública en centros de maiores na provincia”.

“Cando chegamos á Deputación en xullo de 2015, nin unha soa residencia contaba cos permisos correspondentes para concertar prazas”, lembrou a popular, quen engadiu que tivo que ser o Goberno do PP o que “desbloqueou os proxectos e solicitou o permiso de inicio de actividade nos centros, como son o da Fonsagrada e Castroverde”. 


Candia lamentou a pouca “dispoñibilidade” e a “falta de sensibilidade” dos socialistas e dos nacionalistas aos que “só lles preocupan as residencias en datas electorais, para apoiar aos seus alcaldes”. “Tiñan os proxectos empantanados, paralizados, mentres anunciaban en carteis electorais aperturas de residencias, cando nin tan sequera levaran a cabo a solicitude dos permisos oportunos”, lembrou a popular. 

“Non son cribles. Cren que hai alguén que pense que non hai unha praza creada nestas residencias por culpa da Xunta, despois dos antecedentes dados por vostedes na xestión destes centros sociais?”, analizou a popular. Así, a voceira asegurou que “haberá residencias, que van ser unha realidade a pesar da política que vostedes fixeron con estes proxectos” e será, segundo engadiu, “grazas á actitude colaboradora da Xunta, deste grupo e dos concellos”. Neste senso, os populares ofrecéronse a traballar en conxunto co Goberno, e anunciaron a renuncia a todas as dietas, para que dende a Deputación se axilicen os trámites oportunos e se podan contar cos permisos para a posta en funcionamento destes centros sociais “de forma inmediata”.

Con este obxectivo, os populares rexistraron unha emenda, rexeitada por socialistas e nacionalistas, na que pedían que a Deputación axilice os trámites para contar cos permisos oportunos e solicitaron a creación posterior dunha mesa de traballo para planificar as necesidades de apoio por parte doutras administracións (Xunta de Galicia e concellos). Ademais, demandaban que se garantan os principios de non discriminación para todos os centros de maiores públicos. “Está claro o sectarismo político co que se planificaron estas residencias. Deben tratar aos veciños sen discriminacións e deben ser respectuosos con todos os municipios”, matizou.

Polo tanto, Candia deixou claro a “lentitude no desenvolvemento destes proxectos por parte do bipartito, que torpedearon a construción das residencias, asfixiando aos concellos que tiñan que aportar 200.000 euros e os terreos”, ademais de levar a cabo dende a Deputación “investimento público superior aos dez millóns de euros”. Ao mesmo tempo, a popular puxo de manifesto o compromiso da Xunta de Galicia para concertar prazas nestes centros “pero primeiro a Deputación debe xestionar os permisos oportunos, e non só pensar nas residencias en épocas electorais”.