Partido Popular de Lugo

Candia: “Vémonos obrigados a substituír ao Goberno da Deputación para que a provincia teña os Orzamentos que precisa”

 

Lugo, 27 de maio de 2016.- O Grupo Provincial do Partido Popular rexistrou este mediodía na Deputación a proposta de Orzamentos “mellorada” para o seu debate na sesión plenaria extraordinaria solicitada polos populares. “Vémonos obrigados a substituír ao Goberno da Deputación para que a provincia teña os orzamentos que precisa”, dixo a o voceira dos populares, Elena Candia.

Dende o Grupo Provincial dos populares lucenses presentaron este documento co “único afán” de que “a Deputación teña uns Orzamentos cos que darlle resposta ás verdadeiras demandas dos veciños e veciñas da provincia e garantir que o destino dos fondos se dirixa ao fin para o que foron aprobados”.

Ademais de rexistrar o documento cos informes xurídicos que avalan a súa legalidade e dirixido a Presidencia, os populares tamén lles farán chegar copia das contas ao Grupo do PSOE, ao do BNG e ao deputado non adscrito “para que fagan as súas achegas se así o consideran”. “Procuramos que a provincia conte na menor brevidade posible cuns Orzamentos, que permitan desbloquear a parálise na que vive inmersa a Deputación de Lugo”, expuxo Candia.

 “O actual Goberno bipartito na Deputación de Lugo nin traballa, nin negocia, nin lle importa a provincia” e centran a súa tarefa “unicamente en colocar escollos que impidan que saian adiante uns Orzamentos bos para os lucenses”, asegura a popular, quen engade que, neste afán de paralizar a institución, “as contradicións dos socialistas e nacionalistas están a aflorar de xeito continuado. Primeiro votaron a favor das nosas reclamacións, despois din que nos levarán aos tribunais e agora pídennos unha proposta de orzamentos cando foi o Grupo do PP o que o mesmo día do pleno de debate das contas solicitou xa a celebración dunha sesión extraordinaria para a aprobación duns Orzamentos mellorados coa inclusión das reclamacións dos populares, que cumprían coa legalidade e foran xa aprobadas”.

A popular lamentou a falta de interese do presidente provincial por aprobar un orzamentos “necesarios para a provincia” e dixo que “por riba de todo está a actitude de chegar a acordos”, xa que o “consenso é a mellor forma de traballar”. “Se empregase a mesma capacidade negociadora á que recorreron para aprobar a moción de censura, os lucenses terían Orzamentos dende hai meses”,  precisou Candia.

Unhas contas melloradas, que se axustan a legalidade

As contas presentadas hoxe polo Grupo do PP inclúen as reclamacións dos populares aprobadas no último pleno, e que cumprían coa legalidade tal e como recollen os informes de Intervención e Secretaría da Deputación: “… que non presentaban ningún incumprimento ou circunstancia que conlevara a informarse de xeito negativo por parte dos servizos xurídicos e de intervención”.

Así, a proposta de orzamentos inclúe modificacións nas bases de execución do documento para que existan mecanismos de control que garantan o cumprimento das contas e que deste xeito o diñeiro público teña o destino para o que foi aprobado; ademais de que se cumpra coa base de que o órgano plenario será o competente para a concesión de subvencións. De igual xeito, os populares suman outras demandas dos lucenses como é a da mellora do Plan de Obras e Servizos, a de maior axuda en servizos sociais ou as da aprobación de residencias para A Pontenova e Becerreá.