Monforte de Lemos, 14 de maio de 2016.- A quiroguesa Rosa Arza é dende este sábado a presidenta de Novas Xeracións da provincia de Lugo, acadando o 92,5% dos apoios durante o congreso provincial extraordinario celebrado esta mañá na localidade de Monforte de Lemos e no que tamén participaron a presidenta do PP lucense, Elena Candia, o voceiro popular do Senado, José Manuel Barreiro, e o secretario xeral do PP de Galicia, Miguel Ángel Tellado, entre outros responsables do partido.
A quiroguesa, que contará co lucense Pablo Flórez como vicepresidente e o focense Roberto Fernández como secretario xeral, apelou durante o seu discurso ao traballo en equipo para “impulsar a nosa organización dende a transparencia, o compromiso, a lealdade e a unidade”. “Chegar xuntos é o principio, manterse xuntos é o progreso e traballar xuntos é o éxito”, matizou a moza popular.
Rosa Arza dixo que os esforzos do seu equipo e o seu proxecto político estará centrado “nos milleiros de mozos e mozas, emprendedores, loitadores, que buscan estabilidade e seguridade laboral, e que non queren emigrar a outros lares en busca dun futuro mellor alén de Galicia”. “Ese é o meu compromiso, para o que poñemos por diante traballo, ilusión e esforzo”, engadiu.
A nova presidenta da organización político xuvenil tamén analizou a situación política actual dende a perspectiva dos máis novos e asegurou que “os mozos galegos sabemos que no PPdeG hai futuro, cunha nova xeración de persoas que pide paso e con mozos que buscan referentes que lles permitan desenvolverse en liberdade e que non abrazan o pensamento único que algúns pretenden impoñernos a calquera prezo”. Así, engadiu que “temos que repudiar unha vez máis, alto e claro, as trasnoitadas formulacións do PSOE e BNG, unha nefasta experiencia que xa vivimos en Galicia nos anos do bipartito e tampouco queremos que nos controlen dende Madrid cun mando a distancia nin Podemos, nin Ciudadanos”.
Por último Rosa Arza asegurou que “todos os que formamos Novas Xeracións do PP de Lugo poderemos alcanzar todo o que nos propoñamos se estamos en condicións de dalo todo. E farémolo. Darémolo todo. Por iso estou aquí, asumindo o reto que hoxe me encomendades, porque estou segura que todos xuntos o conseguiremos”.
Un traballo a favor da provincia
A presidenta do Partido Popular de Lugo, Elena Candia, púxose á disposición de Rosa Arza e de todo o seu equipo “para traballar xuntos porque os vosos obxectivos serán bos para a provincia”, asegurou, ao tempo que engadiu que “sempre intentei darvos o protagonismo que merecedes e así seguirá sendo” e “reivindico tamén a representación feminina no partido de Lugo e que a xente moza poda demostrar o que vale”. Así, a popular destacou ademais que a presenza da xuventude en cargos e xuntas “sempre foi destacada, porque traballamos xuntos e somos un equipo unido e comprometido”.
Candia tivo palabras de agradecemento tanto para Arza pola súa “entrega e experiencia”, como para o presidente saínte, Daniel Vega, do que destacou todo o traballo que ten feito ao fronte de Novas Xeracións. Por último, a popular subliñou que “en calquera proxecto o máis importante que se pode deixar é o traballo, o recordo e as boas cualidades que a xente recoñece”.
Agradecemento de Daniel Vega
O presidente saínte, Daniel Vega, agradeceu o traballo da militancia de NNXX e de “todos os simpatizantes e militantes do partido”. Dirixiuse á nova presidenta dicindo que é complicado estar en política nestes momentos, “non nolo poñen fácil pero con ganas entrega e corazón e rodeada dun equipo marabilloso como o teu, será posible”. Explicou que os membros de NNXX “non somos os mozos que foron detrás das pancartas todos os días, nós estivemos do lado dos sectores estratéxicos desta provincia, “do lado da xente como instrumento que sirve ás persoas para canalizar as súas inquedanzas”.
Perfil
Rosa Arza (Quiroga,1987). É xestora administrativa, militante do Partido Popular e de Novas Xeracións dende hai 10 anos e concelleira de Xuventude e Turismo no Concello de Quiroga dende o 2011. É tamén membro da Executiva Provincial do Partido Popular de Lugo e vicepresidenta Rexional de Novas Xeracións de Galicia.