Partido Popular de Lugo

O Grupo Municipal do PP solicita financiamento da Deputación para a adecuación de diferentes infraestruturas viarias en Muras

O Grupo Municipal do Partido Popular de Muras presentou unha moción para o seu debate no pleno local na que insta á corporación a que aprobe un acordo unánime que remitirán á Deputación de Lugo coa finalidade de que a institución lucense financie actuacións en varias infraestruturas viarias do municipio.

O voceiro dos populares, Danilo Requeijo, explica que a Deputación de Lugo ten subscrito convenios con outras administracións locais a través das que colaboraba no financiamento de pistas municipais, polo que “demandamos que con cargo ás contas do ano 2016, a institución provincial formalice un convenio co Concello de Muras”.

Requeijo asegura que “calquera veciño ou veciña de Muras pode constatar que hai certas pontes, estradas ou tramos de camiños que debido ao paso do tempo presentan un deterioro moi acusado e incluso provocan a incomunicación de vivendas”. Deste xeito, o popular engade que “son moi necesarias actuacións urxentes” sendo a Deputación de Lugo, o ente que “ten o deber de colaborar cos concellos máis pequenos da provincia”, precisa.

En concreto, as actuacións propostas na iniciativa presentada polos populares son a mellora dos accesos á Ponte Bermúz, a restauración das pontes da Insúa (hai unha vivenda sen acceso dende o derrubamento desta infraestrutura), de Saamil e de Coruxos. En canto a estradas, os populares urxen a pavimentación de Currás (A Balsa), nos accesos a Abedueira e as Ameixeiras.