O Grupo Provincial do Partido Popular pide a dimisión do presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos, tras a sesión plenaria celebrada esta mañá e na que quedou demostrado de novo que o socialista é “incapaz” de gobernar a institución lucense. A voceira dos populares, Elena Candia, explica que na Comisión Informativa do Plan de Obras e Servizos (POS) se chegou a unha proposta de consenso para sacar adiante tanto o POS como os orzamentos e que Campos “preferiu botar atrás na sesión plenaria, ante unha actitude de incoherencia absoluta”. É dicir, o acordo pasaba por aprobar nun pleno extraordinario os orzamentos e un plan de obras en condicións cuns criterios que, tal e como se falara na Comisión, tiñan o apoio unánime dos distintos grupos, polo que o presidente decidiu continuar coa mesma orde do día.
Os populares consideran que a provincia e todos os lucenses necesitan outro presidente provincial que sexa capaz de dialogar, chegar a un consenso e aprobar uns orzamentos “moi necesarios”. Segundo explica a popular para ter aprobados os orzamentos deben ter resoltas as reclamacións presentadas, un trámite que, segundo Candia, “entendemos bastante sinxelo porque reproducen o contido das emendas presentadas ás contas provinciais”.
Acordo en Comisión Informativa
O equipo de Goberno incluíu na orde do día da sesión plenaria de hoxe a aprobación dun Plan de Obras e Servizos sen ter aprobados os orzamentos, “nun intento de desviar a atención e xustificar que fan algo”. Así as cousas, os populares solicitáronlle a socialistas e nacionalistas na Comisión Informativa que trouxeran primeiro a pleno os orzamentos, xa que “non se explica porque non o fixeron, imos con moitísimo retraso”.
Ademais, Candia explica que na Comisión Informativa do Plan de Obras e Servizos previa ao Pleno, os populares lle fixeron unha invitación ao presidente da institución para a aprobación dunha proposta do POS “coa que todo o mundo estaba de acordo” e deste xeito “terían a posibilidade de sacalo por unanimidade”. Tratábase dun acordo unánime mantendo os criterios da anualidade pasada e rebaixando a cantidade mínima para obras que tiña que facer cada concello. Pese a este acordo, o Goberno mantivo o punto na orde do día, desbotando a celebración dunha sesión extraordinaria, para a aprobación definitiva tanto dos orzamentos como do POS. Por primeira vez na historia da institución, analiza Candia, os 25 deputados provinciais votaron en contra do Plan de Obras e Servizos da Deputación de Lugo, unha situación “moi exemplificativa da falta de diálogo e de coherencia” de Campos.
Candia di que os populares sempre puxeron todo da súa parte, “démoslles os instrumentos” para poder dar unha imaxe de “unidade” ata o punto de que anunciamos tamén a nosa renuncia as dietas dos plenos extraordinarios e poder axilizar así a aprobación dos orzamentos que son “unha prioridade” para esta provincia.
Tras o debate da sesión plenaria, “quédanos claro que Campos non quere nin uns orzamentos, nin un POS aprobado en condicións” coa finalidade de poder xustificar “a parálise absoluta na que se atopa esta institución”. Candia asegura que ao presidente “a situación quédalle novamente grande e busca o litixio no lugar do consenso e de aceptar o diálogo. Debe resolver problemas, non provocalos”. matiza.
Por último e en referencia ao Goberno provincial, a voceira di que “seguen sen ser conscientes de que non teñen os apoios suficientes para sacar as iniciativas adiante e, o que é peor, seguen sen entender nin facerlle caso ao grupo que lle daría estabilidade suficiente para sacar os acordos adiante e que sempre deseña eses acordos pensando no ben da provincia e esta provincia precisa un goberno con sentido común e criterios que beneficien á provincia”.