O Grupo Provincial do Partido Popular conseguiu sacar hoxe adiante, pese ao voto en contra dos socialistas e dos nacionalistas, unha moción a través da que o equipo de goberno deberá presentar en pleno, unha vez aprobados os orzamentos da Deputación, as bases que rexerán un plan de reactivación de fomento do emprego por un importe de 5 millóns de euros.
En concreto, os populares piden que este plan se dirixa a concellos de menos de 20.000 habitantes, que os fondos se outorguen aos concellos en base aos mesmos criterios establecidos no Plan de Obras e Servizos do 2015 e que cada administración local determine o número, o perfil profesional e os grupos de cotización que necesite contratar, así como que sexan os Concellos os encargados de realizar o proceso de selección. “Os socialistas e os nacionalistas téñennos acostumados a facer política co diñeiro do emprego”, di Candia, polo que, os populares queren “un verdadeiro plan, que se rexa por criterios obxectivos, e que respecte o principio de autonomía local”.
A voceira lamenta que os socialistas e os nacionalistas non se sumasen a aprobación dunha proposta dirixida a responder ás necesidades dos veciños, pese ao ofrecemento da popular de chegar a un consenso e invitar ao goberno a que fixese as súas achegas para sacar adiante un plan en beneficio dos parados. Candia considera “moi grave” o desgoberno e a falta de entendemento dos socialistas e do seu presidente provincial que, unha vez máis, deu a súa conformidade previa aos criterios establecidos nesta moción durante as reunións mantidas antes do pleno pero que “á hora da verdade, decidiu votar en contra, instaurándose no seu desexo de buscar confrontación, intentar xerar unha imaxe de vitimismo irreal, evitando chegar a acordos”.
A popular agarda que o Goberno provincial acate o acordo plenario e poña en marcha o plan, xa que ata o de agora “téñenos acostumados a unha xestión ditatorial, que desatende o mandato deste órgano”.
De Sanidade, que falen os que saben
A voceira do Grupo Provincial do PP, Elena Candia, defendeu o traballo e os investimentos que se teñen feito en infraestruturas sanitarias, 182 millóns de euros nos últimos anos, 40 deles en tecnoloxía. Explicou que as melloras postas en marcha permiten que se fagan 20.000 operacións máis ao ano desde o 2009.
Candia defendeu o impulso administrativo, tecnolóxico e orzamentario que se ten feito en materia sanitaria do que se teñen beneficiado os hospitais de Lugo, A Mariña e Monforte e que teñen permitido acometer importantes melloras. En relación co servizo de hemodinámica, a voceira indica que as decisións “as adoptará quen as ten que adoptar, escoitando aos que saben”. Recordou que o PSOE non pode dar lección algunha sobre a posta en marcha de servizos sanitarios o cumprimento da palabra dada ou o respecto aos prazos comprometidos”.
“En Sanidade que falen os que saben”, expresou, ao tempo que precisou que as decisións en materia sanitaria se toman atendendo a criterios técnicos e non económicos. Candia agradeceu tamén o traballo e a implicación das agrupacións veciñais a prol da sanidade e dixo que “sempre atoparán ao PP na defensa dos servizos para a provincia”. “En sanidade e pola saúde dos veciños todo o que se faga é pouco”, engadiu.
Elena Candia celebrou ademais as declaracións publicadas hoxe por un medio de comunicación do xefe de cardioloxía do HULA, Carlos González Juanatey, nas que asegura que o funcionamento independente da sala de hemodinámica permitirá incorporar novas técnicas e avanzar de cara a aumentar o seu horario de apertura.
A popular explicou que, tal e como defende o xefe de cardioloxía, a aposta por unha ampliación progresiva do servizo “é clara e indiscutible”. Elena Candia valora tamén o anuncio de Juanatey no que avanza que o servizo de Cardioloxía do HULA ten capacidade para contratar un terceiro hemodinamista nun prazo breve e crear unha unidade independente.
Financiamento para Sarria
Os populares sacaron adiante unha moción na que pedían que a institución provincial financie a execución das obras da Ponte Ribeira, así como das melloras que precisa a Residencia Nosa Señora do Carme no Concello de Sarria. O contido da moción xa fora previamente apoiado por todos os grupos da Corporación de Sarria, por iniciativa do PP.
Aposta polo municipalismo
O Grupo Provincial do PP apoiou a proposta do Goberno Provincial sobre o financiamento aos concellos galegos, como así fixo no Parlamento e na FEGAMP. O vicevoceiro do PP, Juan Carlos Armesto, explicou que ao PP “sempre o atoparán na defensa do municipalismo e do seu financiamento, acorde co que custan os servizos”.
Armesto subliñou que “canto máis pequeno é o Concello máis caro é prestar servizos” e defendeu que o PP é unha forza municipalista.
Patrimonio
En relación coas iniciativas sobre a Rede Natura 2000 e os xacementos arqueolóxicos os populares explicaron que hoxe mesmo se aprobou no Parlamento a Lei de Patrimonio Cultural de Galicia que trata de mellorar e garantir a protección do patrimonio, co cal son iniciativas “oportunistas e xa superadas polo proxecto de Lei”. O que demandaba o bipartito está reforzado nesa lei, polo que o PP votou en contra.