Partido Popular de Lugo

O Grupo Municipal do PP lamenta que o Goberno municipal e a Deputación non destinaran un só euro a Sarria “ata que se viron forzados polos populares”

O Grupo Municipal do PP lamenta que nin o Goberno local nin a Deputación de Lugo “destinaran un só euro” a Sarria “ata que se viron forzados por unha iniciativa que os populares presentaron nun Pleno extraordinario e que contou co apoio de todos os grupos, pese ao anuncio inicial do voto en contra da alcaldesa”.

O Grupo Municipal do PP felicítase polos investimentos anunciados onte polo presidente da Deputación, aínda que censuran que os veciños e veciñas foran esquecidos durante todos estes anos e agora que o PSOE goberna no Concello tiveran que ser os populares os que reivindicaran e alcanzaran os recursos para cubrir as necesidades que ten a localidade.

O voceiro dos populares, José Antonio García, asegura que o bipartito se viu “forzado” pola iniciativa do PP, o que pon en evidencia a debilidade tanto do goberno da Deputación como do goberno do Concello de Sarria.

Os populares recordan que é o primeiro investimento que a institución provincial destina a Sarria “nos últimos catro anos”, o que vén a demostrar “as críticas nas que mantíñamos que a Deputación de Lugo lle negaba á localidade os recursos que demandabamos e que nos corresponden”.

Ponte Ribeira

En relación co financiamento que a Deputación anunciou para a Ponte Ribeira os populares advirten da “nefasta xestión” levada a cabo polos socialistas. O PP foi o que demandou no último pleno extraordinario que a Deputación axudara co pagamento das obras pendentes, mentres que a proposta da alcaldesa pasaba por pedir un préstamo con cargo ao concello que ían ter que asumir todos os veciños e veciñas. 

A rexedora explicou que votaría en contra, aínda que finalmente cambiou o sentido do voto. É responsabilidade de PSOE e BNG ter apoiado a paralización das obras, o que trouxo consigo que se perderan 150.000 euros de achegas de fondos europeos e da Xunta, explica o PP.

Agora é o traballo do Grupo Municipal do PP o que permitirá que se recupere financiación allea ao Goberno local para acometer esta actuación. 

Residencia

En relación coa residencia, o Grupo Municipal do PP afirma que o bipartito da Deputación tivo catro anos castigados os servizos sociais, o que afectou a un servizo básico como o da residencia. Novamente forzado polas iniciativas do PP víronse obrigados a paralizar a súa proposta centrada na privatización dos servizos sanitarios a través dos recortes en gastos fundamentais como alimentación ou calefacción.

O presidente di que entra frío polas fiestras, mentres a alcaldesa quería recortar en calefacción, unha medida que o PP impediu.

Piscina municipal

Os populares tamén lle esixen memoria ao Goberno local en relación coa piscina municipal e as obras de climatización, posto que foi a actual alcaldesa socialista a que deixou que se perdera a subvención concedida para acometer os traballos.

“Agora anuncian investimento, despois de anos de esquecemento con Sarria, pero non explican que foi o Grupo Municipal do PP, primeiro no Concello e hoxe tamén no Pleno da Deputación de Lugo quen forzou que sexa a Deputación quen asume eses gastos propoñendo alternativas que non son gravosas para os veciños e veciñas”.