Partido Popular de Lugo

Elena Candia celebra as declaracións do xefe de cardioloxía do HULA nas que afirma que a sala de hemodinámica incorpora novas técnicas e avanza para incrementar o seu horario

Lugo, 26 de abril de 2016.- A presidenta do PP de Lugo e voceira do Grupo Provincial do PP na Deputación, Elena Candia, celebra as declaracións publicadas hoxe por un medio de comunicación do xefe de cardioloxía do HULA, Carlos González Juanatey, nas que asegura que o funcionamento independente da sala de hemodinámica permitirá incorporar novas técnicas e avanzar de cara a aumentar o seu horario de apertura.

A popular explica que, tal e como defende o xefe de cardioloxía, a aposta por unha ampliación progresiva do servizo “é clara e indiscutible”. Elena Candia valora tamén o anuncio de Juanatey no que avanza que o servizo de Cardioloxía do HULA ten capacidade para contratar un terceiro hemodinamista nun prazo breve e crear unha unidade independente.

“Imos contar con máis recursos o que irá en beneficio de todos os veciños e veciñas desta provincia”, subliña Candia, quen agradece as palabras e os avances que adianta un profesional autorizado e recoñecido como é o xefe de cardioloxía do HULA.

Valora así mesmo, as declaracións de Juanatey nas que precisa que “non futuro non moi lonxano” haberá  un programa que cubra as 24 horas. “Estase a traballar por esta provincia, non só en Lugo senón tamén nos hospitais de Monforte e A Mariña coa implantación de novos servizos que demostran que temos a mellor sanidade das posibles e que os profesionais prestan a mellor das atencións”.

A popular coincide na necesidade de que as decisións que se tomen sexan valoradas polos xestores, pero tendo en conta a opinión e experiencia dos cardiólogos e os clínicos responsables da atención aos doentes.