Partido Popular de Lugo

O Partido Popular pídelle a Suárez Barcia que deixe de “botar balóns fóra” e ofreza dende o Concello o servizo de axuda para a presentación da declaración da renda

O presidente do Partido Popular de Ribadeo, Jesús López Penabad, considera que o alcalde da localidade, o nacionalista Fernando Suárez Barcia, se limita a “botar balóns fóra” á hora de dar unha resposta aos veciños que demandan colaboración para a presentación da súa declaración da renda, no lugar de buscar unha solución que permita continuar a ofrecer este servizo aos ribadenses.

López Penabad defende que este servizo se podería cubrir desde o propio Concello ben a través dun funcionario local que cumprise con este acometido durante os próximos tres meses ou ben a través da contratación dunha nova persoa que asumise esta función. “Se ata agora o Concello cubría os gastos de desprazamento do funcionario estatal, vemos moi necesario e factible que a administración local continúe a ofrecer este servizo á veciñanza”, asegura o popular.

O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular asegura que Suárez Barcia está a adoptar o “camiño máis fácil, cando ten a solución nas súas propias mans” para evitar que “este servizo se distancie dos veciños e que se vexan obrigados a desprazarse a outro municipio para elaborar e presentar a súa declaración da renda”.

Ademais de lamentar esta situación e que se perdan servizos, Jesús López Penabad tamén quixo aclarar que o desprazamento dun funcionario estatal á Ribadeo para cubrir esta función é o único caso que se estaba a dar en España. De todos modos, o popular pon de manifesto o ofrecemento claro do Ministerio de Facenda á hora de asesorar ao Concello no que respecta a este proceso para a presentación da declaración da renda. É dicir, o Goberno central pon á disposición da administración local, se así o require, todos os medios precisos (técnicos e de asesoramento) para que se poda continuar a prestar este servizo dende Ribadeo.