A voceira do Grupo Provincial do Partido Popular, Elena Candia, advirte de que ao presidente da Deputación, Darío Campos, se lle acabou o discurso de non ter orzamentos e lamenta que “queira seguir gobernando pola porta de atrás en base a mentiras”.
A popular fixo estas declaracións tras a acusación do socialista que culpa á oposición de manter paralizada a institución pola presentación de reclamacións ás contas para 2016. Segundo Candia, estas afirmacións de Campos “só demostran o descoñecemento que ten o socialista sobre a institución que goberna, xa que presentar reclamacións (un dereito dos cidadáns) non implica un estancamento das actuacións da Deputación”.
O Grupo Provincial do Partido Popular intentou chegar a un consenso co goberno bipartito á hora de aprobar os orzamentos, “o que beneficiaría a todos os veciños e veciñas da provincia”, pero o presidente socialista “demostrou que non ten capacidade negociadora e que é incapaz de acertar no goberno da Deputación”, ademais de responder a súa actitude a un “claro modelo ditatorial”.
Así, a voceira dos populares considera que Darío Campos aínda non se deu conta de que preside un goberno en minoría, ademais de que “non busca nin entenderse coa oposición pese ao noso esforzo, nin tampouco cos seus”.
“Fomos os populares os que logramos o desbloqueo da institución” ao facilitar a aprobación dos orzamentos e antepoñer, deste xeito, “os intereses dos veciños e veciñas da provincia”, lembra Candia. E neste senso, ademais de lograr que se garantan nas contas deste ano obras en 33 concellos, un incremento do Plan de Obras e Servizos (POS) e do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), “tamén pedimos e así o demandamos nas reclamacións un claro respecto á transparencia e á legalidade á hora de conceder axudas, e que se respecten os acordos plenarios, que conten con informes favorables”.
Polo tanto, as palabras do presidente socialista derivan da necesidade de buscar “novas escusas para gobernar pola porta de atrás e para manter paralizada a institución ao seu antollo”, xa que lles caducou o discurso de non contar con orzamentos “unha situación provocada pola súa falta de consenso e de capacidade negociadora”.