Partido Popular de Lugo

O Grupo Municipal do PP de Sarria denuncia “a chapuza” de rebacheo que o Concello vén de facer na Rúa Calvo Sotelo

O Grupo Municipal do PP de Sarria denuncia “a chapuza” de rebacheo que o Concello vén de facer na céntrica Rúa Calvo Sotelo. Os populares critican “a total falta de planificación á hora de acometer as obras e o estado no que quedou a rúa, absolutamente desastroso”

Desde o PP lembran que se trata dunha rúa na que a Xunta fixo unha intervención recentemente cun investimento importante, que trouxo consigo que a veciñanza nomease ese treito como “o boulevard”. A actuación do Concello, sen embargo, fíxose sen proxecto e organización “como se fora unha pista rural que non vai a ningún lado”, din.

Os populares fanse eco desta denuncia tras ter recibido numerosas queixas por parte dos veciños e veciñas e tamén dos propietarios dos locais comerciais que traballan en Calvo Sotelo. Todos eles afirman que a rúa ten agora unha imaxe que non se corresponde coa súa situación e importancia.

Situación de abandono no rural

Ao mesmo tempo, o Grupo Municipal do PP censura o aspecto no que o Concello mantén as pistas do rural “nas que non teñen feito unha soa intervención” e que presentan un estado intransitable. Os populares sosteñen que existen numerosas pistas que presentan múltiples dificultades para o tráfico, posto que o Goberno local renunciou a bachear o rural, o que provoca que se atope nunha situación de abandono absoluto.