Partido Popular de Lugo

O PP demándalle á Deputación a posta en marcha dun plan provincial de reactivación e fomento do emprego dotado con 5 millóns de euros

O Grupo Provincial do PP pedirá no próximo Pleno que se celebra o martes a posta en marcha dun plan provincial de reactivación e fomento do emprego coa finalidade de promover a contratación por parte dos concellos de persoas desempregadas. 

En concreto, a voceira do Grupo Provincial do PP, Elena Candia, explica que se demanda que a Deputación de Lugo poña en marcha un plan provincial de reactivación e fomento do emprego para os concellos da provincia de Lugo, dirixido especialmente aos de menor capacidade económica e de xestión, é dicir, os menores de vinte mil habitantes destinado a promover a contratación de persoas desempregadas polos propios concellos beneficiarios, para a prestación de servizos municipais básicos, así como a realización e o mantemento de obras locais. 

Pídese ademais que o reparto se realice atendendo aos mesmos criterios establecidos para o Plan de Obras e Servizos de competencia municipal e de estradas para o ano 2015. Así mesmo, solicítase que cada concello determine o número, o perfil profesional e os grupos de cotización dos desempregados que necesite contratar para cubrir as súas necesidades, así como que cada administración local leve a cabo a convocatoria, o proceso de selección e contratación  dos traballadores desempregados. 

Por último, o PP require que o equipo de goberno elabore e someta ao pleno a aprobación das bases que rexerán este plan provincial de reactivación e fomento do emprego.

Obxectivos do plan

Elena Candia explicou, nunha rolda de prensa na que compareceu acompañada dos vicevoceiros Carlos Armesto e José Antonio García, que o que se pretenden son tres obxectivos fundamentais. En primeiro lugar, que os concellos da provincia poidan prestar adecuadamente os servizos municipais básicos, fomentar o emprego e dinamizar as economías locais, así como facer unha utilización máis eficaz dos recursos públicos.

Así, engadiu que o seu grupo “cree que é conveniente que a Deputación Provincial de Lugo do total do crédito previsto no orzamento para o ano 2016 para  “Fomento do Emprego”, destine 5.000.000,00 euros, para a contratación polos propios concellos de persoas desempregadas para a realización de traballos necesarios, urxentes e inaprazables no ámbito local.

Competencias da Deputación

Os populares recordan que entre as competencias que lle outorga a Lei 7/1985 de 2 de abril, Reguladora das Bases do Réxime Local, ás Deputacións Provinciais, cabe subliñar que por una banda o artigo 31.2.  establece que: “Son fins propios e específicos da Provincia garantir os principios de solidariedade e equilibrio intermunicipais, no marco da política económica e social e, en particular a: asegurar a prestación integral e adecuada na totalidade do territorio provincial dos servizos de competencia municipal”.

E por outra banda o artigo 36 da Lei 7/1985 sinala entre as competencias propias da Deputación a  “Asistencia e cooperación xurídica, económica e técnica aos Municipios, especialmente Ós de menor capacidade económica e de xestión”.