O Grupo Provincial do PP presentou unha moción para o seu debate no Pleno do vindeiro martes na que demandan que a Deputación de Lugo asine, con cargo aos Orzamentos de 2016 e da forma máis rápida posible, dous convenios co Concello de Sarria. Un deles para asumir o financiamento que lle corresponde ao Goberno local na execución das obras da Ponte Ribeira e un segundo para axudar ao financiamento da Residencia Nosa Señora do Carme.
O vicevoceiro do Grupo Provincial Popular José Antonio García explica que despois de dez meses de Goberno municipal no Concello de Sarria “coñecemos polos medios de comunicación que o Goberno local apoia o proxecto construtivo da Ponte Ribeira proposto pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil”.
García recorda que o proxecto, que conta cos preceptivos informes da propia Confederación e da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia, foi no seu día paralizado por unha denuncia xudicial, “o que trouxo consigo a perda dos fondos públicos necesarios para a súa execución”.
Agora, precisa, a raíz do novo convenio asinado polo Concello de Sarria e a Confederación Hidrográfica Miño-Sil para a execución das obras da ponte prevese a cofinanciación municipal, pero esta non é posible neste intre. Por iso, e xa que a Deputación Provincial de Lugo ven de aprobar inicialmente o Orzamento para o ano 2016, é polo que desde o Grupo Provincial Popular “consideramos oportuno a firma dun convenio entre o Concello de Sarria e a Deputación de Lugo a fin de que a institución provincial asuma a parte municipal de financiamento desta obra”.
Deficiencias na Residencia da Terceira Idade
Amais diso, na Residencia da Terceira Idade Nosa Señora do Carme de Sarria véñense detectando unha serie de necesidades e mellores imprescindibles para o seu funcionamento e para viabilidade futura. José Antonio García explica que “se temos en conta que se trata dun organismo dependente do Concello de Sarria que non recibe achegas da Deputación Provincial de Lugo, desde o Grupo Provincial Popular cremos que debería asinarse un convenio de colaboración entre as dúas institucións, previo estudo das necesidades e melloras concretas por parte da Xunta Rectora de dita Residencia, para que se poda seguir a manter este centro como referente dos servizos sociais no Concello de Sarria”.
O vicevoceiro e deputado do PP recorda que o contido desta moción foi aprobado por unanimidade polos grupos que conforman a Corporación municipal de Sarria, polo que agarda que poida ser aprobada tamén o vindeiro martes.