O Grupo Municipal do Partido Popular de Lourenzá vén de rexistrar unha preguntar para a súa resposta oral no próximo pleno local a través da que se interesa polas accións emprendidas polo Goberno local do PSOE para garantir a celebración esta anualidade da XIII edición do Torneo Lourenzá en Xogo.
A directiva das Escolas Deportivas emitiu un comunicado no que manifestaban que, por razóns sobre todo económicas, adoptaron a decisión de celebrar este torneo con carácter bianual. O PP asegura que dende o seu Grupo Municipal “entendemos a postura da directiva das Escolas Deportivas, posto que ningunha asociación pode estar obrigada a organizar un evento se non dispón dos medios necesarios suficientes”.
Porén, os populares locais consideran que as administracións e, neste caso, o Goberno do Concello de Lourenzá deberían cubrir as necesidades veciñais e máis cando “estamos a falar dun torneo que supón unha importante inxección económica para a localidade”.
“Entendemos que a alcaldesa de Lourenzá e os seus socios de goberno se despreocuparon e non realizaron as xestións oportunas para garantir a celebración anual deste evento”, aseguran os populares. Así, tendo en conta as declaracións dun edil do PSOE nas que asegura que o Goberno local “fixo todo o posible, pero era imposible debido ao curto espazo de tempo” e atribúe esta situación aos populares, ao técnico de deportes e ao presidente das Escolas Deportivas; os populares queren coñecer de xeito detallado as accións emprendidas polos socialistas.
No escrito formulado polos populares, o Grupo Municipal traslada as seguintes preguntas: “¿En que momento o Goberno local se puxo en contacto coas Escolas Deportivas para empezar a coorganizar o XIII Torneo Lourenzá en Xogo? ¿Cales foron as accións que levaron a cabo para a realización do Torneo? ¿Mantiveron algunha reunión coa directiva das Escolas Deportivas dende a toma de posesión no mes de xuño, 8 meses antes da celebración do citado torneo? ¿Parécelle ao equipo de Goberno un curto espazo de tempo, o de 8 meses, para a organización deste evento deportivo? ¿En que se basea o sr. Concelleiro para afirmar que foi unha decisión do goberno anterior?”.